Análise de “Super Mario 3D Land”

Por: Luns, 16 de Xaneiro de 2012

Podo dicir sen moito medo a trabucarme que a primeira gran aventura da nova consola portábel de Nintendo volve da man do fontaneiro máis famoso. Deste xeito creo que o cen por cen dos xogadores habituais xa sabe a que tipo de xogo nos imos enfrontar, pero claro, ten os seus contras.

Primeiro falarei do seu plantexamento que tanto gustou aos fans. Manexaremos a Mario por escenarios en tridimensionais até chegar ao final, onde atoparemos a máis que coñecida bandeirola que canto máis alto cheguemos ao saltar enriba dela, máis puntos nos ofrecen. Pero neste aspecto personalmente encontro un par de puntos negativos que inflúen moitísimo no resultado final. O primeiro deles é a pequena dimensión dos escenarios e a segunda é a súa facilidade de superalos.

Nos escenarios debemos atopar tres moedas-estrela que están repartidas polos escenarios, pero como xa dixen, a súa dimensión fai que as atopemos case na súa totalidade sen ofrecernos ningún reto complexo, e non me canso de repetir, que parte da diversión de todos os xogos recae na súa dificultade.

Entón que sucede?, pois que rematemos con cada mundo que desbloqueamos de forma fugaz e cando levamos tres mundos superados e o reloxo non marca máis de dez mimutos fainos que pensemos no peor. Como pretende solucionar isto Nintendo?, pois de dúas maneiras, a primeira delas é engadindo novos poderes a Mario, como lanzar boomerangs ou a volta do Tanuki que nos permite voar e da segunda forma é intentando facer que o título sexa rexogábel, é dicir, que unha vez que rematemos este Mario e desbloqueémos a Luigi, que pasemos todas as fases con el e que consigamos aterrar no máis alto da bandeira final en todas as fases. Se facemos todo isto desbloquearemos unha fase extra que si que fai honra aos xogadores máis expertos, porque a dificultade en comparación coas anteriores é moitísimo maior.

Pero aínda así, o xogo faise curto, porque lonxe da obra sublime de Mario 64 no que os escenarios se modificaban para obter certas estrelas, aquí na súa segunda vez, só nos imos limitar a chegar ao final, sen máis pretensións, algo que xoga en contra da súa calidade.

De todos os xeitos garda a xogabilidade clásica da saga (aínda que as 3D reais só son un factor visual e non inflúen na xogabilidade, porque seguiremos saltando en función das sombras) pero fai que sexa unha gozada abarcar escenarios, volver superar os barcos voadores, superar inimigos (botei de menos máis monstros finais) e como diversidade, existen fases contrarreloxo nas que debemos escapar de Mario escuro e chegar ao final antes de certo tempo, o que aumenta a variedade de situacións, aínda que non sexan moi complexas de superar.

Graficamente estamos ante unha marabilla visual, uns mundos cheos de coloridos, de detalles movéndose, partículas de po no aire, paredes húmidas que reflicten a luz en determinadas zonas, etc. Ademáis as 3D que nos posibilita a consola (podendo escoller entre dous tipos de 3D, que sobresaian os obxectos, ou que s vexan ao fondo) fainos ver a un Mario diferente, unha pena que non inflúan na xogabilidade, penso que sería un paso adiante.

Deste xeito estamos ante o mellor plataformas da consola (sen dúbida ningunha)e non podo dicir que estamos ante o mellor xogo porque o Ocarina of Time ponme moito respeto, pero se tedes unha Nintendo 3DS debedes ter este Mario, porque como é habitual neste xogos a diversión é o núcleo, ten os seus fallos, sen dúbida ningunha, pero deixarédesllos pasar, porque tampouco ennegrecen tanto o resultado final.

Se Super Mario 64 é un día de sol intenso, Super Mario 3D Land é un día con nubes.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.2
  • SON:
    8.5
  • XOGABILIDADE:
    9.3
  • DIVERSIÓN:
    9.5
  • DURACION:
    8

  • FINAL:
    8.9
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario