Curiosa nova que nos chega dende MCV e que nos di que na próxima feira do E3 amosaranse as sucesoras da Xbox 360 e da Playstation 3.

Xa intuiamos que algo así podía acontecer, polo menos no caso de Xbox que leva un ano máis entre nós en comparación coa PS3, mais parece que Sony non quere deixarlle ese ano de vantaxe nesta xeración e súmase a esta presentación.

Pero non deixamos aquí o tema, porque temos que engadir que Nintendo pretende amosarnos as verdadeiras entrañas da súa Wii U, porque moito mando e moita trapallada pero aínda non ensinaron case nada do que pode facer a súa máquina.

Con estes temas estaremos ante un E3 como os de antaño, con emocionantes presentacións, novidades espectaculares, etc…?

Pois o certo é que non me atrevo a prognosticar nada, mais case estou por apostar un “juevo” a que nos van poñer os dentes longos con impresionantes cinemáticas de next next gen.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario