Previsto para o día 6 de decembro, o novo Xbox dashboard comezará a instalarse no parque de consolas da compañía americana en menos de 24 horas. Se ben non é precisamente a primeira actualización que Microsoft fai neste sentido, agora o cambio estético e conceptual parece maior, achegándose a outros dispositivos da compañía e reforzando a adhesión da xa veterana consola á imaxe corporativa do seu fabricante.
Segundo se anunciou á comunidade de usuarios, este importante cambio visual vai acompañado de melloras para o acceso a servizos en internet; o que afecta tanto ás posibilidades xa existentes (particularmente facebook), como por exemplo á aparición dun novo servizo Youtube. Á marxe das aplicacións de internet, a consola ofrecerá agora contidos televisivos.
E por suposto, coma case tódolos novos movementos da compañía no que a Xbox 360 se refire, pretende ser tamén un xeito de aumentar as utilidades de Kinect coma ferramenta interactiva de uso familiar.
Dende maña mesmo poderemos comprobar por nós mesmos os resultados e ver como recibe unha comunidade de usuarios moi afeita aos cambios esta nova volta de folla no aspecto e funcionalidade dos menús.