Análise de “Batman: Arkham City”

Por: Mércores, 23 de Novembro de 2011

O cabaleiro escuro adéntrase por segunda vez nas consolas maiores desta xeración nunha aventura que o levará afrontarse cos seus inimigos máis famosos, dende Dúas Caras até o clásico e irreverente Joker.

Todos estes personaxes están en Arkham City, unha prisión aberta no que o caos perdura en todos os recantos e a violencia é a protagonista, e por suposto, alí vamos nós.

Con esta premisa nace Arkham City, un xogo que iguala e incluso supera a calidade de Arkham Asylum, e xa é moito dicir, asegúrovolo.

Unha das características propias de Arkham City é que comezamos xa con case todos os gadgets que conseguimos no anterior título, co que partimos dun enorme abano de posibilidades que poderemos probar na cidade, que tamén poderemos percorrer dende o inicio. Aínda así non pensedes que non haberá máis sorpresas e accesorios que conseguir, en absoluto, a medida que avancemos na nosa Bat-aventura (o que estea cerca de min que me dea un golpe por un chiste tan ruín), iremos recolectando novos gadgets que nos serán de gran axuda na nosa odisea. A parte de todos estes accesorios (chegando á decena), poderemos ir mellorando o noso traxe e os nosos movementos o cal nos provoca unha liña de aprendizaxe progresiva e ao mesmo tempo cautivadora.

Pero vaiamos o bo, os golpes e pelexas. O sistema de combate mantense moi similar ao seu predecesor, é dicir, dous botóns, un para golpear e outro para esquivar/contraatacar. O que parece un sistema demasiado sinxelo (recordemos que a primeira entrega criticóuselle moito este aspecto), volve aguantar a diversión perfectamente, xa que moitas veces deberemos premer un terceiro botón no momento correspondente, pulsar o botón de contraatacar de maneira axeita… ademáis a medida que vaiamos aumentando o noso repertorio de movementos os combates van adquirindo máis nivel, incluso coa posibilidade de usar os nosos dispositivos cos inimigos, que nesta entrega atacaránnos en moito maior número, asegúrovolo.

Pero sexamos honestos, o mellor de Batman é o sixilo e a nosa Visión Morcego, que nos permite saber o número exacto de inimigos que hai no escenario, as armas que levan, detectar pistas para a misión, etc. Deste xeito saberemos cando atacar polas costas para non ser detectado e ir eliminando un a un a todos os inimigos. Por suposto volvemos empregar as alturas para intimidar aos contrincantes e atacalos no momento aportuno.

Así imos facendo fronte aos grandes inimigos (que son coñecidos polos seguidores de Batman), como Joker, Duas Caras, O home de xeo, etc, que nos preparan todo tipo de trampas para darnos caza, mentras que nós irémolas superando progresivamente nunha aventura con cambios argumentais e sorpresas narrativas asemellándose a un filme.

Pero cal é o grande problema de Batman: Arkham City?, realmente eu vexo dous enormes erros, o primeiro é a curta duración do modo historia e a segunda é que despois de adquirir o videoxogo e tan pronto o metes na consola xa te avisan que está incompleto e que se queres xogar con Catwoman (teño entendido que ten unha aventura de apenas unha hora), terás que pagar por ela. Con toda a cara do mundo, porque xa non disimulan en querernos enganar con compras por internet para mellorar a experiencia de xogo, que va, agora directamente quítanlle parte da aventura e se queres mércala a parte.

Pero matizando o aspecto negativo da duración debo mencionar que estou falando da aventura principal (ronda as sete, oito horas), despois teremos misións secundarias (que tampouco se tarda tanto en rematalas) e por último temos misións terciarias, que son os enigmas de Enigma (perdoade a redundancia). Aquí si que se amplia a duración do xogo, xa que teremos centos e centos de trofeos enigma por recoller espallados por toda a cidade (moitos deles con puzles bastante complexos) e localizacións que detectar coa nosa visión especial. Divertidos.

Pero seguindo na aventura principal debo dicir que diverte de forma esaxerada, e cunha dobraxe verdadeiramente espectacular, e en galego… é broma ehh, cando vexa un título así dobrado ao galego estarei soñando, mais aínda que sexa en castelán, a dobraxe é moi boa, de verdade.

E falando do apartado técnico,tócame tocar o tema dos gráficos e todos aqueles que xogastes á anterior entrega xa saberedes máis ou menos como se ve, e os que non xa volo digo eu, moi ben. Unha cidade enteira e chea de cousas que ver, uns personaxes perfectamente recreados (o Joker en especial) e todo envolto nunha definición moi alta fai que o xogo entre polos ollos dende o primeiro momento.

E isto é Batman: Arkham City, un xogo moi divertido (para moitos o GOTY do ano), cuns gráficos á altura do que se merece, unha dobraxe sublime e unha cidade enteira para vós. Ninguén dubidou en dicir que este título é mellor que o seu predecesor, pero eu non vou chegar a tanto (de feito o transcurso dos trofeos de Enigma gustáronme máis no primeiro título), simplemente vou dicir que é unha continuación perfecta para un xogo que xa sorpredera a todo o mundo, e que ningún xogador debería deixar de xogar. Moi, moi recomendábel.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario