A primeira vez que escoitei que Sony pretendía lanzar ao mercado unha reedición dos xogos de Team Ico, ICO e Shadow of the Colossus o sangue subíume de temperatura un par de graos polo menos, e máis tendo en conta que xa son practicamente imposíbeis atopalos por separado para a PS2.

No meu caso xa xogara a estes dous títulos na mencionada Playstation 2, mais non me din resistido volvelos a rememorar, e aínda que tiña certo medo que non me namoraran tanto como o fixeran da primeira vez (moitas das cousas que lembramos non son reais), volvérono conseguir…e de que maneira.

O DVD que veño analizar trae dous xogos nun (por moi obvio que soe), o ICO, un dos primeiros xogos da PS2 e que emocionou até o máis duro, e o Shadow of the Colossus, título no que debiamos destruír a uns seres xigantescos.

Comezarei falando do ICO, para seguir unha certa orde, e a todos aqueles que non saiban nada del, direilles que narra a aventura dun pequeno neno que é condeado a morrer dentro dun caparazón de ferro pola mala sorte de nacer con cornos. Unha vez que saimos do noso “caixón de ferro” deberemos tentar fuxir do castelo no que estamos recluídos, mais no noso camiño atopamos a unha ánima en forma de rapaza tamén capturada e prisioneira dentro dunha xaula. Unha vez que se coñecen, os dous avanzarán por todo o castelo superando os máis inxeniosos e divertidos puzles.

Pero non só iso, senón que o noso protagonista non poderá deixar a Yorda (a nosa compañeira) demasiado tempo a soas, xa que uns espíritus maléficos raptarana até as profundidas da escuridade, deste xeito avanzaremos cos dous personaxes xuntos, un agarrado na man do outro, axudándose mutuamente, nos saltos, nos puzles, etc. Iso si, moitas veces teremos que enfrontarnos a estes seres, pero lonxe de facelo como todos os xogos, o noso protagonista só estará acompañado dun pau (no primeiro terzo) co cal deberemos espantar a estes seres escuros até que nos permitan continuar.

Asegúrovos que esta mestura é xenial, porque sempre teremos a sensación de que nos raptan a nosa acompañante se nos alonxamos, e tendo en conta que moitas veces deberémola deixar soa para superar certos retos, a emoción increméntase moitísimo.

Pero sen dúbida o que caracteriza a ICO é a profunda emoción que transmite ao xogador. Observar a dous pequenos rapaces avanzar por un enorme castelo agarrados da man, é impresionante. Gran parte de culpa tena a banda sonora, unha das mellores que escoitei en moito tempo. Porque escoitar como o son do vento se incrementa a medida que subimos en altitude no castelo, mentras escoitamos de fondo unha suave melodía que nos provoca sensación de soidade e desamparo ante tanta inmensidade é unha das mellores sensación que tiven ante un videoxogo, así de claro.

A selección de puzles é outro dos puntos positivos de ICO,e xa non digamos de orixinais, que tamén, senón pola progresiva dificultade que nos supón realizalos e o ben deseñados que están para o xogador.

Unha gozada.

Antes de pasar a falar do apartado técnico farei outra breve introdución sobre Shadow of the Colossus, xa que graficamente están a un nivel bastante similar quitando algún matiz que os diferenza e que máis adiante comentarei en máis profundidade.

Shadow of the Colossus é un título bastante máis famoso e coñecido que o primeiro, mais para aqueles que non o coñezan comentereilles como se desenvolve.

O noso protagonista chega a unha terra de maxia para recuperar a alma da súa namorada falecida, mais para que isto se cumpra debe realizar unha misión, eliminar a unha serie de enormes criaturas ou colosos que habitan pola zona.

Deste xeito, armados tan só cun arco e unha espada evanzaremos polas extensas terras enriba do noso cabalo até dar cos mencionados colosos. E unha vez que debisamos a nosa vítima, que para a súa vista nós non somos máis que unha formiga, cun par de testículos subímonos enriba del e buscaremos o seu punto feble, lugar no que insertaremos a nosa espada até que a criatura se desfaleza.

Neste segundo título de Team Ico volve a primar a orixinalidade, e non só polo plantexamento, senón que as criaturas serán das máis diversas formas, existen seres voadores, subterráneos, armados, etc.

E non ten prezo saltar enriba dun destes seres voadores e ter que aproveitar o momento de repouso do coloso para avanzar polas súas ás para non rematar no chan.

Graficamente os dous melloraron un chisco con respecto á anterior xeración de consolas, aínda que se nota inevitablemente a diferenza gráfica entre calquera xogo de agora e os da PS2. Tamén me sorprendeu o enorme popping que existe no Shadow of the Colossus, mais que nada porque cando o xoguei na PS2 non o recordaba así, será un fallo de memoria ou un fallo de reedición?

Por outro lado, aínda que se note que os gráficos non son desta xeración, soubéronse manter ao longo dos anos, e por poñer un exemplo, a escena do muíño de ICO ségueme encantando, e como este detalle un cento deles. Non pensedes que se ven mal nin moito menos, están a un nivel moi alto da PS2, pero non debemos facer comparanzas con esta xeración nin moito menos.

Polo resto están a un nivel bastante similar, incluso o ICO por enriba do Shadow, e iso que lle saca ben anos. Texturas moi parecidas, personaxes moi similares (nótase perfectamente os trazos representativos de Team Ico), un control con certa similitude…

Iso si, non son xogos moi complexos nin longos, e pasarédelos nunhas seis horas e algo cada un, horas que se vos pasarán sen apenas darvos de conta pola diversión que transmiten.

CONCLUSIÓN:

En Memoria Pixelada non puntuamos videoxogos, pero se o fixeramos, personalmente sería un dos poucos deces que daría para un videoxogo. Porque un videoxogo non se debe limitar só a divertir, senón tamén a transmitir sensacións, e neste caso, con mención especial ao ICO, a cantidade de sensación que transmite é enorme: soidade, tristeza, compañeirismo, alegría, tensión, rabia…

Unha reedición obrigatoria para todos os xogadores e que ninguén debería deixar de xogar. Se tedes unha PS3 e non tedes esta reedición, honestamente, preguntaríame se de verdade me gustan os videoxogos.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Análise de “ICO & Shadow of the Colossus HD Collection””

  1. Agrella di:

    No caso de ICO totalmente de acordo, un xogo 10 que entreten e transmita sentimentos coma el só, pero no Shadow of the Colossus xa penso distinto. No aspecto visual e incluso de historia é verdade que é un xogo moi potente, case poético, pero na parte de entreter deixoume moito que desexar.

Deixar un comentario