Pois como ben di o título, xa está dispoñible a demo do simulador de condución de referencia na Xbox 360: o tan agardado por moitos (entre os que me inclúo.. xD) Forza Motorsport 4.

Nesta demo temos dispoñible un dos novos circuítos que traerá este xogo. Trátase do circuíto Lauterbrunnen, localizado na localidade homónima en Suíza. Unha paisaxe idílica da típica montaña desa rexión. O bo é que este circuito non ten un único trazado, polo que podemos desfrutar un pouco máis da demo.

Entre os modos: que podemos escoller están “Carreira rápida” e “Rivais”.

En Carreira rápida, como o seu propio nome indica, botaremos unha carreiriña contra a IA, onde poderemos coller tres coches diferentes: Mercury Cougar Eliminator (1970), Subaru Impreza WRX STI (2011) e Ferrari 458 Italia (2010).

Por outra banda no modo Rivais, poderemos desafiar os nosos amigos e ver quen consegue mellor tempo con tres coches diferentes: Pagani Zonda C, BMW F10 M5 e Ferrari 458. Moito ollo porque con estes dous últimos aparece tráfico polo medio do circuito, polo que resulta algo máis complicado á hora de trazar.

Podedes descargar a demo dende o Bazar de Xbox Live e pesa 1,27 GB.

O videoxogo completo estará dispoñible (como podedes ver no apartado de “Vindeiros Lanzamentos” na parte dereita… 🙂 ) nas tendas o vindeiro día 14 de outubro (11 de outubro no mercado americano).

 

 

 

 

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

Deixar un comentario