Análise de F.E.A.R 3

Por: Xoves, 8 de Setembro de 2011

Se nos atopamos nunha xeración na que os First Person Shooter (FPS) é o xénero que prevalece por riba dos demais, cómo innovamos para captar a atención dos xogadores?, xustamente é o que non se preguntaron os creadores da terceira entrega de F.E.A.R.

Primeiro aclararei que non xoguei á segunda parte desta saga, polo que no tocante ao argumento non sei se podo/debo mencionar algo, xa que moi doadamente meto a pata e algún purista deste shooter se bota a min, pero como só plasmo a miña opinión nestes análises fareino o mellor que poida.

Comezarei o análise en 3…2…1…


Primeiro falarei da historia que é o que primeiro quero sacar de riba, porque o certo é que non me percatei moito do seu argumento, e como acostuman facer nos FPS, as súas historias non é que estean moi ben contadas polo que non axuda na miña comprensión.

Conforme recordaba da primeira entrega (xenial shooter paranormal) existía un ser sobrenatural chamado Alma que aterraba ás persoas, de aí que nos adentramos en diferentes zonas enfrontándonos a todo tipo de visións, situacións paranormais, sons extravagantes, etc.

Nesta terceira entrega parece que nos poñemos na pel dun dos fillos deste ser sobrenatural (que alguén me explique isto) e avanzamos por escenarios… até chegar o final, porque aínda non entendo ben a finalidade, nunha misión escapamos do cárcere, noutra rescatamos a unha muller (non sei para qué), etc, etc.

Ben, até aquí o argumento. Non vos chafei nada verdade?, xa me parecía a min, e volvo repetir que se algún purista da saga me le, que me perdoe, e que estou á súa disposición para que me describa máis ou menos o argumento. Dous irmáns? Un deles sendo unha visión?, seres de ultratumba?….en fin, continuarei co resto dos apartados que é o que interesa.

Como xa dixen, o primeiro capítulo de FEAR estaba cheo de reseñas paranormais como os xa mencionados (ademais dun son espectacular), mais nesta terceira parte esquécense case nunha totalidade destas situacións das tebras para dar paso á acción constante.

É certo que hai unha minoría de situacións que nos poñen alerta os nervios, como caixas movéndose, portas que se cerran repentinamente, visións paranormais, luces que se acenden e se apagan, etc, pero en comparación co que recordo da primeira parte, diminuíronse moitísimo estas situación, algo que me parece un erro tremendo.

Agora case na súa totalidade dedicarémonos a disparar constantemente e avanzar por escenarios que no seu apoio, son bastante variados, dende o cárcere até un tren descarrilado. Así, avanzaremos disparando a soldados que se parapetarán cando nos vexan e incluso se cubrirán con escudos para darnos caza, a robots asasinos que nos custará eliminar e todo isto podendo empregar o noso poder, que non é outro que o tempo bala, deste xeito relantizaremos por uns segundos a todos para aproveitar esta situación.

Como xa dixen, o problema recae precisamente na constante e continua sucesión de balas que non aportan nada novo a un xénero desmesuradamente trillado nesta xeración. Quizais unhas situacións máis sorprendentes?, un plantexamento que capte máis ao xogador?, máis variedade de armas e inimigos?, non sei exactamente, mais sei que esta falta de variedade non axuda a un xogador que está canso de ver tantos FPS iguais, e que non pretenden arriscar nin un chisco.

De todos os xeitos non vos quero asustar. Se che gusta este xénero farate pasar unas horas moi entretidas, de feito as mellores situacións son as que se acercan ao final do título?, por qué?, porque son as máis difíciles de pasar, e isto, por moito que me neguedes, mola. De feito foi a gran sorpresa equitativamente proporcional á alegría que levei con este xogo, xa que en momentos puntuais atoparémonos con situacións que deberemos suar para pasalas, esquecédevos de pasar o título todo sen perder nin unha soa vez, como cada vez se está facendo máis habitual.

Unha pena que non se fixera así dende un inicio, porque verdadeiramente é satisfactorio tentar superar a algún inimigo sen dar, até que das (por ilóxico que soe), porque unha vez que o pasas despois de morrer vinte veces, o corazón latexa dunha forma diferente.

Graficamente está no esperado, é dicir, nin se desmarca do xa visto, nin se queda atrás, aínda que persoalmente pareceume que nas primeiras horas de FEAR 3, a calidade gráfica non está ao mesmo nivel que nas partes máis adentradas, quizais fose imaxinación miña, pero debo deixalo plasmado. O mellor de todo é a sangue que atopamos no chan cando nos adentramos en corredores escuros, con esa cor vermella e brillante que non nos presaxia nada bo. Os escenarios volvemos o que dixen antes, atopamos uns moi traballados (sobre todo interiores) con outros que parece que os deixaron un chisco a un segundo plano, quizais sexa porque a iluminación nos interiores é moi superior aos escenarios exteriores.

Outra cousa que tiña ganas de escoitar era o seu son, xa que a primeiro¡a entrega era sobresaínte neste aspecto, pero lamentablemente esta terceira entrega non chega á súa altura, de feito os sustos non recaen neste aspecto, se non que se centraron máis en asustarnos con cambios de iluminación e movementos inesperados.

Agora a conclusión nuns breves parámetros:

Xogabilidade: A da inmensa maioría dos FPS desta xeración, tan pouco innovadora como absolutamente precisa.

Gráficos: Nin se quedan desfasados nin sobresaen en ningún aspecto. Á altura do esperado.

Sons: Moi correctos, pero non chegan á altura da primeira entrega. Non sei na segunda que fixeron.

Argumento: Non me percatei moito do tema, pero é que tampouco está demasiado ben contada.

Diversión: Se che gustan os FPS non te vas aburrir con FEAR 3, e dígocho de verdade, pero como amante deste xénero debo dicir e animar ás empresas a que se arrisquen un pouco porque estamos cansos de ver sempre o mesmo.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario