Na Internet encóntranse moitas cousas, mais xamais pensaría toparme cunha persoa que vendese unha máquina do tempo a un prezo bastante asequíbel. O problema era que lle faltaba unha peza e a comprala custaba moitísimo diñeiro, de aí que vendesen esta máquina do tempo. Mais atrevinme a facer este gasto e agora non me arrepinto de nada. Substituín a peza por unha algo máis caseira (hai que buscar solución a todos os problemas) e con moitos nervios decidín probala. O resultado? Viaxei ao futuro e tiven a oportunidade de xogar á novena parte do Devil May Cry.
Se queredes ver que me pareceu, continuade a ler.
O primeiro que me sorprendeu foi a consola, porque no futuro que vin eu non había competencia. Só existía unha consola, a da Nintendo. Tentei preguntar onde ficaran a Sony e a Microsoft, mais parece ser que non vendían suficiente (o mercado dos videoxogos, case na súa totalidade, limitábase aos casual gamers). Tanto era así que as perdas foron enormes e decidiron abandonar o mercado dos videoxogos para fusionarse e crear unha bebida enerxética chamada SonySoft. Certo que aínda venden aparellos electrónicos e continúan no mercado dos PCs (sobre todo a Microsoft), mais a dicir verdade a bebida esta está tendo un éxito esmagador, mesmo coméndolle terreo á Coca-Cola.
En fin, vamos ao que nos interesa. Inserín o cartucho na consola (no futuro voltamos aos cartuchos) e as letras de Devil May Cry 9 apareceron na pantalla.
Neste caso Dante é un neno de 9 anos (para aproveitar o título) que loita contra os que el chama “Demos”, que non son outros que os seus compañeiros da escola que mutan por unha ligazón errónea co Inframundo. Deste xeito, armado cun tirapedras e unha vara alongada deberemos abrirnos paso a través dos diferentes escenarios, como poden ser o lugar de recreo, os baños, a sala de dirección, o ximnasio, etc. Todo isto até conseguir fechar a fenda e volver todo á normalidade. A verdade é que a variedade de escenarios agradoume bastante. Á parte, en cada un topamos zonas concretas para activar novas funcións; é dicir, no ximansio se pasamos por uns círculos remarcados obteremos habilidades de ximnasio, como maior axilidade, maior resistencia, e así por diante.
O desenvolvemento do título é o típico da saga. Avanzamos empregando o tirapedras e a vara de maneira simultánea, eliminando os “demos” (sobra dicir que Dante perdeu todo o carisma dos primeiros videoxogos, aínda que na quinta entrega xa carecía del). Iremos mellorando as nosas armas (maior dureza na vara, lanzamento de pedras maiores…) e adquirindo novas habilidades, como certas transformacións específicas, que dotan o protagonista dunha forza incríbel.
Graficamente é moi superior ao que temos na nosa época, mais segundo escoitei non é nada doutro mundo para a época en que estiven. É dicir, do montón. De todos os xeitos, como primeiro videoxogo do futuro que vin deixoume abraiado. Mais claro, temos que ter en conta o contraste das épocas. Só direi que as caras eran hiperrealistas, mais os movementos seguen a ser moi limitados: correr, saltar, disparar e pouco máis.
Outra das cousas que me chamou a atención solemnemente foi a súa duración. 3 horas e media de videoxogo, e sen alicientes para volvelo xogar (como moito para pasalo noutra dificultade). Eis outro problema, nótase que está creado para “casuals”, porque o xoguei en nivel difícil e non tiven absolutamente ningún problema en superar todo o videoxogo. Mesmo dei derrotado á primeira o monstro final, o director do colexio. Mais o rapaz que me deixou probar o Devil May Cry 9 dicía que todos eran así, curtos e desa dificultade (a el non lle parecía tan doado).
En conclusión, pareceume un xogo bastante aborrecido (só nos limitamos a disparar e dar golpes), sen misións secundarias, obxectos que recoller… Cuns gráficos que me deixaron pampo, aínda que parece ser que eran normaliños de todo, e un argumento dedicado aos nenos. A propósito, os xogos seguen sen estar traducidos ao galego, aínda que Memoria Pixelada se converteu nun referente das webs galegas e están a desenvolver o primeiro videoxogo completamente en galego que se titulará “Indo e vindo”. Aínda non dixeron máis datos alén do título.
O xogo “Indo e vindo” falará das aventuras de Skaltum viaxando a través do tempo 😉