Como escoitades, a Square Enix acaba de mostrar á prensa o seu novo motor gráfico que aparentemente utilizará para a próxima xeración de consolas. A criatura chámase Luminous Engine e segundo comentan especialistas tecnolóxicos (non me preguntedes se é certo ou non) ten moitas similitudes co famoso motor da Epic Games, o Unreal Engine.

Este motor sería compatíbel coa PS3, XBOX 360 e PC, aínda que os seus creadores están a traballar para que tamén sexa compatíbel coa Wii e 3DS.

O Luminous Engine contará cunha iluminación de alta cualidade, modelados e shaders moi coidados (aparentemente marca característica da próxima xeración), aínda que tamén estará centrado na I.A e nas animacións.

A verdade é que non controlo nada de motores gráficos, mais parece que este pode ser bastante completo. Polo outro lado Square Enix non ten previsto sacalo fóra dos seus estudos, e rumoréase que comezarán a mostrar demos tecnolóxicas a finais de 2012 ou inicios de 2013. Aínda teremos que esperar un chisco, non vos parece?

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario