Esta mesma mañá saíron á luz os datos de vendas de software e hardware en Ianquelandia. E aínda que no tema dos videoxogos a cousa ten mellor traza, na venda de videoconsolas os datos son máis fracos. De todos os xeitos a protagonista é a 3DS vendendo millóns e millóns de unidades… é brincadeira, é brincadeira, esta a ver se comeza a despegar agora aos poucos, moi aos poucos.
Agora falando en serio, a máis vendida foi a Xbox 360 con 277.000 unidades vendidas, manténdose líder.
Despois de saber isto a Microsoft declarou nunha nota de imprensa:
“Co Gears of War 3 lanzado no mes que vén e con moitos lanzamentos principais que lle seguirán durante a recta final do ano esperamos manter o liderado da Xbox 360 nos Estados Unidos e acabar 2011 como a consola número un en todo o mundo”
Non sei se as palabras empregadas serán demasiado demagóxicas, mais o que si que sei seguro é que o Gears of War 3 será un título que dará moito que falar, que fechará unha triloxía impactante e impresionante, e que como vedes no noso apartado de próximos lanzamentos apenas restan 39 días para poder desfrutalo.