Análise do “Shadows of the Damned”

Por: Venres, 12 de Agosto de 2011

Antes de comezar a dicir absolutamente nada deste título teño que vos pedir aos lectores que fagades un pequeno esforzo mental, fundamental para que comprenderdes a verdadeira esencia deste videoxogo. Antes de lerdes nada pídovos que teñades moi en mente calquera filme de serie B, porque Shadows of the Damned vai moito por ese estilo. De modo que tende en mente ese estilo “bizarro” con sangue, seres de ultratumba, humor negro e todas esas características que engloban os filmes de serie B.

Unha vez mencionado isto comezarei co verdadeiro análise facéndovos unha breve sinopse da historia que vamos vivir.

Pómonos na pel de García, un cazador de demos que se verá obrigado a viaxar até o mesmo Inferno para salvar a súa amada, capturada por un destes seres maléficos. Deste xeito somerxémonos no Inframundo abríndonos paso por escenarios bastante prelimitados á base de tiros aos seres infernais. Mais comecemos co humor típico de serie B, porque a nosa arma non é outra que unha caveira que se transforma e nos fala dándonos pistas e contándonos historias bastante simpáticas e inquietantes ao tempo. Ao máis puro estilo Resident Evil, antes de atacar un inimigo teremos que lle apuntar, e moitas veces resulta un proceso nada fiábel, solucionado pola facilidade de matar monstros. Eis un dos problemas, xa que en todo o xogo non nos topamos con ningún monstro ou quebracabezas que supoña un reto complexo, todo está pensado para avanzar sen demasiada complicación.

Iso si, tampouco quero dar sensación de invariabilidade no xogo, xa que habemos de afrontar pequenos quebracabezas, superar fases de escuridade infernal (empregando a nosa arma), eliminar monstros finais, etc. No entanto, a min dame unha sensación demasiado descafeinada. Quixera que á parte disto se exprimise máis un xénero bastante explotado, porque tanto disparo chega a aborrecer. Máis que nada porque case non necesitas entrincheirarte para disparar, simplemente aparecen defronte e tes que os matar antes de chegaren onda ti. Unha vez que no xogo aparece algo diferente (como un pequeno mini-xogo de shooter horizontal) agradécese moito, aínda que non é explotado o que deberían. E o mesmo acontece cos quebracabezas, que aínda que os hai bastante bos e entretidos, non acaban de resultar demasiado complexos para o xogador.

Polos escenarios habemos de encontrar ítems en barrís e caixas (que orixinal!) como balas, licores para restaurar a saúde (véxase que seguimos cun humor bastante ácido) e unhas xemas de diferentes cores que nos irán permitir mercar máis trebellos e mellorar o noso armamento. Lonxe disto pouco máis podemos buscar, a parte de algún cartaz con comentarios satíricos.

O apartado técnico foi o que máis me defraudou no Shadows of the Damned. Sei de primeira man que non é un apartado ao que se teña que dar toda a importancia, mais nesta altura non é normal que nun videoxogo exista un retardo na carga de escenarios dun par de segundos como pouco, e iso sen contar o popping e o clipping que se acentúan en partes concretas.

Os personaxes están ben representados e mantéñense a unha altura notábel, porén dos escenarios xa non podo dicir o mesmo. Aínda que esteamos no Inferno e a escuridade sexa a predominante, neste título non enxergamos máis que uns metros á nosa fronte, e algunhas veces é frustrante.

Para compensar isto, debo mencionar que a ambientación si está no esperado nun xogo deste calibre. Constantes sons extravagantes, berros, intervalos curtos de sons agudos, seres infernais moi ben caracterizados e todas estas características que nos producen unha sensación de extraña calma.

A duración aproxímase ás oito horas, suficientes para o Shadows of the Damned. Son as xustas para non dicir “vaia merda, que pouca duración” nin “oxalá acaba dunha vez que xa estou aborrecido”.

En conclusión, un shooter en terceira persoa como hai a moreas que ha de prendar aqueles que gosten de filmes de serie B e temas infernais. E non hai que ser hipócritas e, por moito que estean Suda 51 e Mikami detrás do proxecto, non ten porque ser un xogo excelente. Fica no aprobado grazas á súa ambientación e humor.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario