[Planeta Phixel] Entrevista a Link

Por: Xoves, 7 de Xullo de 2011

Boas noites a todos de novo. Volvémonos ver noutra das nosas entrevistas no planeta Phixel despois duns meses ausentes. Como saberedes tivemos problemas cos nosos aparellos electrónicos despois dun programa especial nos escenarios de InFamous. Pero como xa podedes comprobar, volvemos estar en activo e hoxe temos unha entrevista moi especial e máxica, porque temos con nós ao valente Link, que acaba chegar de Hyrule despois dunha longa viaxe.

Skaltum: Boas noites Link, primeiro agradecerche a túa atención, que sabemos que viñeches exclusivamente para estar connosco. Que tal a viaxe?

Link: Por riba do Oceano Zora apañamos turbulencias, mais fóra deste pequeno contratempo todo ben.

S: Alegrámonos, pero por que non te acompaña a túa inseparábel fada?

L: Tiven un problemiña legal con ela. Descubrín que me roubaba ás miñas costas cando me deitaba durmir. Aproveitaba para me coller o diñeiro da Caixa forte que teño para ir gastar en bebida. Emborrachábase e dedicábase a romper xaneas, asustar nenos, etc. Un día espertei polo ruído e atopeina vomitando no baño, momento en que me decatei de todo.

S: Estasme a deixar totalmente asombrado. Entón agora está no cárcere?

L: Que vai! Parece ser que a multibillonaria princesa Zelda é moi amiga da miña ex-fada e proporcionoulle os mellores avogados do planeta. O resultado foi un xuízo a favor da fada no cal incluso perdín a casa e 80% dos bens monetarios por insulto, ameaza de morte e agresión.

S: Estasme dicir que agrediches a fada?

L: É que querías que fixese? Cando me erguín e me decatei que levaba anos e anos roubándome anoxeime moito, entón collín unha tixola e batinlle con todas as miñas forzas arrincándolle unha das ás.

S: Mais de todos os xeitos, se che roubaba por que non saíu a fada nada prexudicada?

L: Os avogados alegaron que máis da metade dos meus aforros foran gañados grazas ás pistas e axudas que me proporcionaba a fada nas miñas misións, por tanto parece ser que non estaba a roubar.

S: Asegúroche que me estás a deixar abraiado de todo. Entón agora estás a pasar maos momentos económicos, non estás?

L: A verdade é que si. Á parte con todos estes problemas xudiciais botáronme do traballo, xa que a Nintendo non quere saber máis de min por desprestixio da empresa.

S: De verdade que o sinto moito. E como pensas gañar a vida a partir de agora?

L: Teño pensado abrir unha tenda de pedras Goron con Saria. Ultimamente veñen moitos “guiris” por Hyrule e sempre pode ser un negocio rentábel.

S: Pedras? Ehhhh, moi ben Link, mudarei de tema…

L: Non, non quero que mudes de tema, quero dicir á audiencia que todos aqueles que me queiran botar unha man, poden enviar unha doazón á conta corrente…

S: Perdoa Link, non permitimos este tipo de mensaxes…

L: Cala a boca ou douche con esta tixola.

S: Pero de onde raio sacaches esa tixola? É que non saes nunca sen ela? AHHHHHHH, para, para, Seguridadeeeee.

(segundos incómodos e dolorosos para a cabeza de Skaltum)

S: Desculpade, mais parece que neste programa temos que contratar máis seguranzas, que ultimamente boa falta nos fan. En fin, sinto este espectáculo, mais así son as cousas. Verémonos na próxima entrevista no planeta Phixel. Eu arestora vou para a casa tomar un par de aspirinas. Saúdos e grazas pola vosa atención.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario