Análise do ‘Zelda: Ocarina of Time 3DS’

Por: Domingo, 3 de Xullo de 2011

Non vexo frase máis axeitada para este remake do Zelda: Ocarina of Time que… “A lenda volveu”. Para moitos todo o que vou dicir a partir de agora sobraba ante palabras que signifiquen tanto, pero seguramente hai xente que non probou este prodixio de videoxogo, polo que vou tentar expresar o que sentín ao pasar este xogo de novo.

Zelda: Ocarina of Time é unha perfecta mestura entre xogo de rol, aventura e plataformas que nos insire no fantástico mundo de Hyrule, unha apracíbel chaira que pronto se verá comprometida co ataque dun servidor do mal. Adiviñades a quen lle vai tocar salvar Hyrule? É obvio que a nós.

Comezamos sendo un habitante máis dunha das aldeas de Hyrule, pero coa peculiaridade de que nesa aldea somos o único que non temos fada. Cando o mal recae na nosa terra axiña somos chamados polo sabio da aldea, unha vella árbore, que nos encomenda a misión de salvar Hyrule ao mesmo tempo que pon ao noso dispor unha desas fadas que nos axudará con pistas ao longo da aventura.

A nosa compañeira Epona

A nosa compañeira Epona

Despois disto teremos que ir falando co resto de habitantes que nos irán ofrecendo retos, problemas que lle deberemos solucionar, etc para que nos vaiamos mergullando de cheo neste mundo. Así, aos pouco irémonos decatando da inmensidade de Ocarina of Time, atopándonos con detalles minúsculos pero que engrandecen o xogo, centos de segredos e uns seres completamente máxicos.

A medida que avanzamos na nosa aventura imos reunindo novas armas, novas maxias e novos trebellos, entre os cales se encontra a famosa ocarina do tempo, instrumento que nos servirá para viaxar do futuro ao pasado e viceversa . Que significa isto? Pois que a aventura nos permite ver medrar o noso protagonista e podemos ver o que significaron os nosos actos no futuro, pero para máis esta ocarina será imprescindíbel para superar retos e puzzles que nos han de provocar máis dunha dor de cabeza.

Unha vez contada a historia, teremos que superar diferentes masmorras até chegar ao monstro final, e aínda que nos topamos coas clásicas fases como lume, deserto, auga… a selección de quebracabezas que debemos realizar é asombrosa. Porque a progresión coa que imos evolucionando é impresionante, xa que nun principio só teremos acceso a certas partes do mapa, mais a medida que vaiamos conseguindo obxectos poderemos introducirnos en zonas que nun principio non podiamos. Pero non só isto, se non que en cada “masmorra” temos unha historia bastante memorábel e chea de maxia (como todo o xogo). Como xa mencionei anteriormente, os quebracabezas son o sinal da casa, con algún que vos farán pensar e dar voltas até acadar a solución. Como novidade, introduciron un par de pedras sagradas que nos ofrecerán pistas para superar algún quebracabezas que vexamos moi complicado. Obviamente estas pistas son prescindíbeis e opcionais, de feito a diversión é maior sen empregar estas pedras, mais non deixan de ser un aliciente para os máis inexpertos.

Outra cousa a destacar son os tempos de carga, os cales roldan entre a ausencia e a nimiedade, e ver como o noso protagonista abre unha porta para entrar noutra habitación e que non exista nin un segundo de tempo de carga é impresionante. E digo impresionante porque moi poucos xogos fan isto, e precisamente detalles como este fan grande un xogo que xa de seu arrasa con calquera.

Todos os accesorios ao alcance da man

Todos os accesorios ao alcance da man

Con relación ao tempo que botaredes xogando teño que dicir que se move entre as 20 e 30 horas dependendo da vosa rapidez en solucionar quebracabezas ou se preferides descubrir novos segredos de Hyrule. E aquí outro punto positivo, xa que se vos cansades de avanzar na aventura sempre vos podedes dedicar a outras misión secundarias, como vender máscaras, tiro con arco, procurar todas as arañas secretas que se esconden polos escenarios, etc. Aínda que nestas misión secundarias como pescar ou tiro con arco bótase de menos algo máis de competitividade, porque non deixan de ser minixogos para engrandecer algo que xa é grande de seu, mais que debería ofrecer un reto maior para o xogador.

Certamente agora teño que falar do apartado técnico, e resumireino coa palabra sorprendente. Lin noutras análises que case non evolucionou neste aspecto, pero nada máis lonxe da realidade, xa que o aumento de píxeles en pantalla é notábel, e sobre todo nas animacións e nas personaxes que nos sorprenderán moi gratamente. Nos escenarios tamén se nota un chisco esta mellora, pero non de forma tan pronunciada como coas personaxes, pero de todos os xeitos estades hoxe por hoxe (e supoño que por algún tempo) perante os mellores gráficos e sensación 3D desta consola.

Preciosistas e coloridas paisaxes

E xustamente as 3D volven sorprender dentro deste xogo, xa que ver Hyrule en profundidade mentres nós corremos co cabalo dando caza a algún esqueleto nocturno é impresionante, e en escenas concretas como cando conseguimos algún medallón, aínda sorprende máis, pero teredes que velo para crelo. Iso si, por pór algunha pega, existen outras escenas que parece que non quixeron espremer como é debido esta sensación de tres dimensións, que aínda que non afectan absolutamente nada ao desenvolvemento, sempre temos que pedir máis. Pero ninguén pode discutir que estamos ante un apartado sobresaliente.

E preguntaredes, como se adaptou a xogabilidade á Nintendo 3DS? Pois perfecto.

Na pantalla táctil teremos todos os nosos accesorios, polo que cun simple toque podemos mudar de arma ou vestimenta no instante sen case ter que pausar o xogo, e por riba esta pantalla sérvenos para ver o mapa xeral en todo o momento, algo útil para saber a onde nos queremos dirixir inmediatamente.

O muiño da voltas e voltas e voltas...

O stick funciona ás mil marabillas, aínda que é demasiado liso, polo que se xogades moitas horas seguidas e vos súan os dedos, quizais vos esvaren do stick e vos cause momentos incómodos. Polo resto volvemos empregar o salto automático e o botón para seleccionar inimigo e dirixirnos exclusivamente a el. Non poderemos mover a cámara (só situala detrás de nós) e aínda que na inmensa maioría de situacións non fai falla xa que a cámara xa se sitúa ela perfectamente, noutras bótase de menos que non se poida manipular e póla ao noso antollo.

E para rematar, cando finalizamos o xogo desbloqueamos o modo Master Quest que nos permite volver pasar toda a aventura en modo espello e con algunha variación en determinados quebracabezas, polo que xa sabedes, estades ante o mellor xogo da 3DS, ante as mellores 3D que vistes na consola e ante un videoxogo que causou lenda no 98 e que volveu sorprender no 2011, cunha dificultade envexábel, unha historia fantástica e unha capacidade de diversión e de enganche do xogador que dificilmente vos pasará con outro xogo.

Un vende-consolas en toda regra que se o sacasen á saída da consola de seguro que non ían ter os problemas de vendas cos que toparon.
IMPRESCINDÍBEL.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario