Duke Nukem Forever

Por: Mércores, 22 de Xuño de 2011

Alá polo ano 1997 do noso señor, 3d Realms anunciou que ía desenvolver unha continuación para o exitoso Duke Nukem 3D, un shooter entretido caracterizado por un humor adulto e un ton desenfadado. Despois de 14 anos de estar que si, que non, que nunca se decide, chega por fin e da man de Gearbox o Duke Nukem Forever. E toca responder a pregunta, pagaron a pena os longos anos de espera? E como case sempre a resposta é depende.

O Duke Nukem Forever, non é un xogo que destaque graficamente, nin que teña unha historia espectacular, nin nada polo estilo, pero iso non significa que sexa un mal xogo, nin moito menos. É o que é, un digno sucesor do Duke Nukem 3D con gráficos mellorados e moita máis mala baba. Unha mala baba que é a que fai entretido o xogo, fai que os escenarios non se pasen de maneira monótona e dálle unha personalidade propia ao xogo, que se afasta do típico xogo de disparos ao Call of Duty, de temática máis seria.

O xogo está inzado de pequenos chiscos e burlas. Non se toma en serio nada, menos a si mesmo (xa no principio hai unha secuencia onde se ve Duke xogando o seu propio xogo, e admitindo que despois de catorce anos, como non lle ía gustar). A personaxe de Duke está lograda como o que é: un tipo violento, ególatra e ligón, mais carismático. Os creadores do xogo lémbrancho, dándoche recompensas polas máis absurdas cousas: desde outorgar maior resistencia por beber cervexa até aumentar a vida por admirar o teu reflexo, mexar nun urinario ou tocar os peitos a unha estatua.

Todo isto contribúe a facelo un xogo entretido, mais aínda non desculpa dos seus defectos que son moitos e que residen principalmente na súa xogabilidade. Porque nese aspecto o xogo coxea moitísmo máis, e especialmente no apartado dos inimigos, que teñen só dous modos, sinxelos a máis non poder ou extremamente difíciles. E o mesmo pasa co seu número, ou non te topas con case ningún (o cal é lóxico nas fases máis tipo quebracabezas, mais é que pasa mesmo nas zonas máis de disparos) ou aparéceche unha horda deles, co cal os retos están moi espaciados e cando aparecen acaban por ser frustrantes. Se non imaxinade pasar a metade dunha fase sen facer case nada, para quedar atrancado no medio un tempo longo, porque da nada aparecen 20 malos malosos. A desesperación.

E pola outra banda, no seu modo de xogar non se diferencia moito da maioría dos xogos de disparos en primeira persoa. Comete os mesmos erros que a maioría deles (creadores de videoxogos: ninguén quere misións de torretas, por que as pondes?). Mais mesmo así é un xogo que consegue o que quere conseguir, que o xogador pase un tempo divertido e se sorprenda co humor sucio e porco do xogo. En fin, un shooter onde se che permite lanzar merda contra a parede (literalmente) non é algo que se poida ver todos os días.

Sobre o autor:

@Agrella | Ver as entradas publicadas por Agrella »

«A miña historia cos videoxogos comezou o día en que meu pai me ensinou a usar a SNES da casa, despois caeu nas miñas mans unha Game Boy e dende entón os videoxogos e Nintendo pasaron a formar parte da miña infancia. Xa de maior afeccioneime aos xogos de PC e dende entón dedícome a matar inocentes sims, mandar exércitos á destrución, disparar a alieníxenas e escorrentar orcos.»

Deixar un comentario