Os xogos sociais

Por: Venres, 3 de Xuño de 2011

Alén dos videoxogos dirixidos ás videoconsolas e creados por compañías máis tradicionais, está a crearse un mercado cada vez máis grande dun tipo de xogo distinto: O xogo social. O xogo social é aquel que depende dunha rede social  e que normalmente serve para matar horas no traballo mentres o xefe non te mira. Como exemplo destes xogos está o xa arquicoñecido Farmville, pero cada vez máis empezan a aparecer máis títulos e compañías como EA tamén empezan a facer súas andainas neste mercado.

Unha das características máis definitorias de este xénero é o seu público, que é totalmente distinto do público tradicional, este público está constituído por xogadores casuais, que non buscan o desfrute dunha experiencia interactiva, se non pasar un tempo morto. Outra característica que os diferencia é a improtancia da integración na rede social, cantos máis amigos teñan nesa rede que xoguen o mesmo xogo, máis recompensados se verán neste, de maneira que para realizar moitas das accións do xogo necesitarás pedir axuda a varios amigos.

Se alguén lle dixese a meu irmán hai tres anos que ía divertirse sachando patacas

Conste que estes xogos, pese ao que o seu nome indica non fomentan a sociabilidade, se non que fomentan ese tipo de relación que só pode ser denominada “amigo do tuenti”, xente coa que escasemente falas, que na túa vida normal non pasa de ser un coñecido cordial pero que por algún estraño motivo paréceche ben que vexa información e fotos privadas.

Pero non todo é mao nestes xogos, porque para que vamos enganarnos, son para o que son, para matar o tempo mentres descargamos uns arquivos (legais, non o tome a mal, señorita Sinde) ou mentres carga o vídeo do Youtube. E como iso cumpren a súa función a total perfección. pero quizais deberían procurar unha maior interactividade cos outros, procurar non só a recompensa de quen ten máis amigos engadidos, senón potenciar modos multixogador e mirar de os converter nunha verdadeira experiencia social en vez de en parte dunha experiencia alienante.

Sobre o autor:

@Agrella | Ver as entradas publicadas por Agrella »

«A miña historia cos videoxogos comezou o día en que meu pai me ensinou a usar a SNES da casa, despois caeu nas miñas mans unha Game Boy e dende entón os videoxogos e Nintendo pasaron a formar parte da miña infancia. Xa de maior afeccioneime aos xogos de PC e dende entón dedícome a matar inocentes sims, mandar exércitos á destrución, disparar a alieníxenas e escorrentar orcos.»

2 Comentarios a “Os xogos sociais”

  1. Skaltum di:

    Completamente de acordo con que deberían mellorar a súa experiencia social (e para min tamén a experiencia de diversión), pero pensando un pouco, creo que está claro que se están a ter tanto éxito é porque ofrecen o que precisamente buscan os casual gamers, é dicir, xogos no que non te debes sumerxir demasiado, xogos que non che piden demasiado esforzo, moi doados de controlar… e como queiras complicar un chisco isto para aumentar a súa experiencia, non sei eu como reaccionarían os seus consumidores.

  2. Debemos ter en conta que, como ti ben dís, neste mercado de “videoxogos” non se busca desenrolar nin a faceta artística do título nin as prestacións que poida acadar co paso do tempo. Para mín esta rexión do entretemento individual non é máis que unha versión dos chinos de calquera outro, e así seguirá sendo ata que estes non teñan un interese lucrativo máis alto (a maioría pódense xogar de balde).

Deixar un comentario