Análise de Splinter Cell 3DS

Por: Martes, 24 de Maio de 2011

Colócome diante da estantería dos videoxogos e miro cal vou adquirir para estrear a miña Nintendo 3DS, miro de arriba abaixo, de abaixo arriba e soño en que da segunda vez que miro aparezan novos e mellores xogos, pero non é así, o conxunto de xogos que sacaron para estrear a nova portábel de Nintendo non está á altura da propia consola, e a miña man coaccionada polo meu cerebro pixelado agarra o Splinter Cell 3D.

Por que?,pois porque a pesar de xa ter xogado o Chaos Theory, os meus excelentes recordos ante esta obra de infiltración fan que prefira volver pasar este remake, que calquera do resto de proxectos.

Pero comecemos analizando esta versión 3D do Chaos Theory.

Tranquilos, a versión de aquí está dobrada

Como xa dixen no prólogo, non estamos ante un xogo novo de Splinter Cell, se non ante un remake do terceiro título sacado para PS2, o Chaos Theory. Deste xeito, todos aqueles que tivestes a sorte de xogar o título orixinal, xa sabedes co que vos ides atopar, un xogo de infiltración pura e dura (como só sabe facer esta saga) e cun argumento propio de calquera filme de espionaxe (incluso debendo evitar unha terceira guerra mundial).

Graficamente atopamos un nivel dos personaxes moi alto e que sorprende dende un inicio, unha pena que os escenarios non estean á altura, pecando de baleiros e pouco traballados para un xogo destas características. Aínda así, o primeiro contacto gráfico coa consola non me defrauda, máis que nada polas esperanzas do que poden facer nun futuro, cando os programadores estean máis cómodos con esta maquiniña.

Porque finalmente tampouco inflúe tanto este baleiro nos escenarios, xa que a variedade de situacións coa posibilidade da tridimensionalidade (ver como te adentras por unhas covas en 3D é unha experiencia singular) fan que o cerebro se centre máis no desenrolo que na propia capacidade gráfica, que aínda que axuda, todos sabemos que non é o primordial.

O son tamén é unha característica elemental, xa que deberemos ter coidado de que o noso protagonista se desprace o máis silenciosamente posíbel (co típico medidor da saga), deste xeito debemos mirar moi ben onde pisamos, a velociade que o facemos, etc.
Isto inflúe directamente na xogabilidade do título, sobre todo á introdución do stick analóxico que facilita o movemento axeitado de Sam. Pero falando da xogabilidade ten un erro que eu paliaría, xa que para min o botón de interacción (abrir portas, agarrar por detrás, etc) é máis pequeno do debido (limitándose a unha parte lateral da pantalla táctil), porén o botón de cambio de arma, que tampouco se emprega tanto, ocupa case todo o centro da pantalla táctil. E non sería mellor invertir estes botóns?, ademais sabendo que o botón de interacción emprégase continuamente o longo de toda a aventura.

A duración é idéntica á versión orixinal do título, polo que ronda as sete horas de xogo aínda que coa posibilidade de desbloquear novos modos de dificultade, pero como non sexades moi fans do xénero dubido moito que o volvades pasar a curto prazo, debido a falta de misións e obxectivos secundarios.

Con todo estamos ante un xogo pasábel, que nos fai unha idea do que poderán chegar a ser os futuros xogos de 3DS, pero supera o título orixinal de PS2?, pois honestamente non. Quédase nunha versión descafeinada coa introdución de elementos actuais como a visualización de pistas no propio escenario (como acontecía non último Splinter Cell), pero que non resulta tan encantador como aquela fin da triloxía de PS2.
Se sodes moi fans do xénero (como é o meu caso),non vos ides aburrir con el, pero se non tedes outras alternativas, ou mellor dito, teredes novas alternativas.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario