Análise da Beta do Gears of War 3

Por: Venres, 20 de Maio de 2011

Ven de rematar o periodo de proba da Beta do Gear of War 3. Vamos facer un pequeno análise das novidades que puidemos ver con respecto ós seus antecesores:

Armas:

 

  • Retro-Lancer: Básicamente é moi similar ó Lancer normal, só que en lugar de ter a tan querida motoserra leva incorporado unha baioneta coa que poderemos facer cargas en carreira para ensartar a todo inimigo que collamos por diante. Para empregala, non temos máis que manter pulsado o botón B, aínda que durante só uns segundos (indicado unha barra na parte superior dereita da pantalla). En canto ós disparos, este arma ten bastante máis retroceso que o anterior, polo que recoméndovos disparar en ráfagas curtas, pois o punto de mira tende a moverse cara arriba rápidamente.

  • Digger Launcher: Con este arma disparamos un proxectil que vai por debaixo da terra ata que estoupa cando colle polo medio a un inimigo. Moito ollo, porque atravesa incluso paredes, así que aínda que esteades a cuberto, poderedes ser víctimas deste arma.

  • Sawed-off: é unha escopeta para usar exclusivamente corpo a corpo, xa que ten un alcance extremadamente curto. Agora ben, destroza todo o que colla. Como di un coñecido meu: “Tiro que mete, familia de loito…”, pero asegurádevos de acertar, porque só ten un disparo de cada vez e tarda en recargarse varios segundos, co que quedaredes expostos nese tempo.

  • Oneshot: Unha nova arma pesada estilo francotirador, cun potente disparo que destroza a todo o que colle por diante. Cando apuntedes con este arma, tedes que deixar que cargue durante un par de segundos, senón o disparo apenas terá potencia e non fará dano ningún. Dende o punto de vista do que recibe o disparo, se vedes unha liña dun láser que vos está apuntando, tratade de poñervos a cuberto ou pronto seredes despedazados.

  • Granadas incendiarias: Non hai moito que dicir, creo eu. Similares ás que xa había, so que en lugar de tinta venenosa ou fume, provocan lume onde caen. Tede coidado que se ven voando e choca convosco, iredes para o outro barrio un pouco chamuscadiños….

Mapas:

Durante o periodo da Beta, hai dispoñibles 4 mapas diferentes: Oldtown, Trashball, Checkout e Trenches (como diría Goyo Jiménez: para os da LOGSE: “Cidade Vella”, “Paliza-ball”, “Saída” e “Trincheiras”)

  • Old town: Neste mapa teremos a sensación de viaxar a unha típica vila da toscana italiana, con mercado, campanario e incluso unha praia incluídos.

  • Trashball: A acción terá lugar no medio dun estadio de “paliza-ball”, deporte no que se fixo famoso o noso querido Augustus “Cole” Train, onde caeu derrubado un Raven, polo que o seu estado é un tanto ruinoso. Por certo, tede coidado co marcador que está colgando do teito… xD

  • Checkout: Teremos que matar ós nosos inimigos no interior dun pequeno centro comercial, con sección de electrodomésticos, farmacia e incluso servicios. Mágoa que non sexa un pouco máis grande, ou polo menos con dúas prantas, así daría moito máis xogo.

  • Trenches: A loita sucederá nos exteriores dunha mina. Cada certo tempo oiredes soar unha especie de corno: é o aviso dunha tormenta de area, similar á que tamén había no mapa de descarga “Ningún lugar” no Gears of War 2, só que agora é moito peor, xa que apenas teremos unha visibilidade duns 2-3 metros.

Modos de xogo:

  • King of the hill: o “rei da colina” de toda a vida. Quizáis as únicas novidade teñen que ver co tempo: o primeiro é que o contador de cada punto segue descendendo, aínda que ningún equipo teña tomado o control, polo que como ninguén vaia coller o punto, cambiará de sitio sen que ningún equipo sumase puntos. E segundo: se pasado un tempo aínda non venceu ningún equipo, os puntos sumarán máis rápido para que as partidas non se fagan eternas.

  • Team Deathmatch: tampouco é ningunha novidade. Moi similar ó modo execución, so que agora cada equipo ten un número de vidas dispoñibles que se van gastando segundo van morrendo e reaparecendo os xogadores do equipo.

  • Capture the leader: Este modo é unha mezcla entre “Gardián” e “Sumisión”. Cada equipo ten un líder ó que o outro equipo ten que derrubar para “someter” (collelo como escudo cando está derrubado, vamos) e mantelo así durante 30 segundos para gañar a ronda. Ollo!! tamén teredes que botarlle unha man ó voso líder, xa que no caso de estar os dous líderes sometidos, párase a conta atrás. Soamente seguirá a conta cando un dos líderes sexa liberado. Como no modo “rei da colina”, se pasados uns minutos, ningún equipo gañou a ronda, o contador irá máis rápido do normal.

 

Do resto do videoxogo cabe salientar algunhas cousiñas máis:

  • Despois de cada partida danche un galóns e medallas segundo o que fixeras na partida: dende matar tres inimigos seguidos, ser o primeiro en morrer nunha ronda ou ser o que menos disparos recibíu na partida. Básicamente, unha maneira fina de ver quen a ten máis longa ou quen mexa máis lonxe, por así dicilo.

  • Pódese decorar as armas con varios skins, que iredes desbloqueando segundo xoguedes partidas, para que teña unha apariencia diferente.

  • Ó principio soamente poderedes coller a Marcus e Dom (polos CGO) e a Drone e Savage Granadier (polos Locust). Segundo vaiades xogando partidas iranse desbloqueando máis personaxes, como Anya, Baird e incluso Cole Train vestido como xogador de paliza-ball (moi similar a un xogador de fútbol americano, todo hai que dicilo).

  • Ó haber novas armas, evidentemente, tamén haberá novas execucións coas que rematarás coa vida do teu adversario. Como no resto de cousas desta versión de proba, teremos que ir desbloqueandoas, xa que ó principio apenas temos execucións dispoñibles.

  • No multixogador, nótase ben que os de Epic traballaron a reo (boa falta lle facía, todo hai que dicilo…). O xogo vai moitísimo máis fluído e apenas hai lag nas partidas. E iso que polo de agora os supostos servidores adicados que vai haber na versión final soamente están dispoñibles nos Estados Unidos. Haberá que agardar entón para ver se realmente se nota máis diferencia, pero bueno, tal como vai agora, xa é moito mellor que o que tiñamos ata agora, aínda que tampouco era moi complicado.

  • Outra cousa boa é que se pode entrar nunha partida xa comezada, non como antes, que tiñas que entrar antes de que comezara. Vamos, que se alguén se vai da partida, nun primeiro intre, será substituído por un bot da IA, polo menos ata que outro xogador entre na partida. O positivo disto é que agora, aínda que se vaian todos os teus compañeiros de equipo, non quedas tirado loitando ti e catro bots contra o outro equipo, que era derrota case segura. Ademáis, isto fai que se atopen partidas moito antes e non teñas que agardar varios minutos para atopar xente coa que xogar, como sucedía antes.

  • O único que me amolou un pouco é o indicador de vida que aparece no medio da pantalla. É similar ós anteriores, so que agora ten unha apariencia moi “plástica”, por así dicilo, cando está vermello de todo. Agardo que sexa cousa da versión beta e o cambien para o xogo completo.

  • Cando está a conta atrás para comezar a partida e cando poñendes a lista de xogadores (Botón “Select”), se premedes o botón B, veredes un plano do mapa no que se xoga a partida e onde están as armas, tal como se pode ver na imaxe seguinte.

Agora imos coas estatísticas da Beta do Gears of War 3 que publicou Epic Games nun comunicado:

  • 1.29 millóns de persoas xogaron durante este periodo de proba, nun total de 145 países.

  • Entre todas as partidas sumaron o equivalente a 249 anos de xogo en liña.

  • Completáronse máis de 11 millóns de partidas.

  • Realizáronse máis de 131 millóns de movementos de execución.

  • Houbo 23 millóns de mortes coa serra do Lancer.

  • En total, disparáronse máis de 23 mil millóns de balas.

  • Outorgáronse máis de 4.9 mil millóns de condecoracións e 291 millóns de medallas.

  • 435.000 xogadores foron capaces de desbloquear a apariencia `Thrashball Cole´ (exclusiva na Beta), para poder empregala na versión completa do xogo.

  • Un total de 234.000 xogadores desbloquearon a apariencia dorada para a “Retro Lancer” para poder empregala na versión completa do xogo.

Outra cousa que tamén anunciou Epic Games no seu comunicado, foi que o Gears of War 3 superou o millón de copias en preventa, e iso que aínda faltan catro meses para o seu lanzamento. Todo un logro, faltando tanto tempo.

 

E creo que nada máis. Non sei se me queda algo atrás. Agora só nos queda agardar ata o 20 de setembro para ver se hai algunha novidade máis. Coa versión Beta, a min xa me entraron máis ansias de que saia dunha vez!!!

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

1 Comentario a “Análise da Beta do Gears of War 3”

  1. Skaltum di:

    Alégrome que Epic Games amañasen os cutres online dos anteriores títulos, aínda que se son honesto de todo, non é precisamente o multixogador online o que me motiva deste título, se non a súa campaña, a súa historia, os monstros…
    Polo que vexo a inclusión de novas armas aumentará a variedade desta nova obra de arte, e pola miña parte xa teño unhas ganas inmensas de probar o Digger Launcher.

    Veña 20 de setembro, que cada día estás máis próximo.

Deixar un comentaio a Skaltum