Xa está dispoñíbel a descarga da demo (só en español) do primeiro capítulo da aventura episódica galega AR-K, que leva por nome “Sexo, mentiras e traballos de clase”, é fresquiña do día. Xa vos falaramos un pouco máis polo miúdo dela aquí.

Actualización: Amplío a nova coas primeiras sensacións unha vez “xogada” a demo.

As impresións que me deixa dende logo que non son as mellores. As voces están bastante ben en canto a interpretación, porén non está afinada a sincronía labial (algo realmente moi común no xénero). Os modelos non son os máis sofisticados e a animación tampouco axuda a que parezan menos rudimentarios, os ciclos non son áxiles e a orientación cara obxectos sáltase algún que outro paso intermedio.  Os diálogos si que se senten máis traballados, xogando un importante papel no seu desenvolvemento, Alicia é unha protagonista do máis retranqueira. Non percibimos ese esmero no sistema de diálogos, que adoece dos defectos xa comentados aquí noutras aventuras, non mudan nas repeticións e hai varias opcións esperando, simplemente, a que completemos a listaxe de temas a falar con cada personaxe (co que só eliximos a orde), nun deles si que podemos, porén, elixir a chanza a espetarlle ao axente da lei. Agás a nosa cadela, que nos segue, os outros personaxes que atopamos na demo están chantados inmóbiles no lugar que lles corresponde, esperando por nós (a continxencia da que xa temos falado). O desprazamento da protagonista é dos máis lentos (e iso que leva présa) que lembro nunha aventura (vai a un ritmo similar ao de miña avoa cando volve da misa a ganchete dalgunha amiga). A demo conta con pouquechiñas pantallas, insuficientes para percibir se as distancias supoñen tamén un problema, ou se pola contra, hai atallos abondo. No tocante á interface, segue na liña simplificadora dos últimos tempos, o primario para a interacción predefinida (observar, coller, falar…) e o secundario para abrir o inventario; temos tamén un sistema de notas das que nos valemos para inquirir aos outros personaxes. Hai que ter en conta que son unha pequena compañía novel (non por iso hai que perder o enfoque crítico, dende logo), que a historia apenas se amosa neste pequeno fragmento, e sobre todo, que dos crebacabezas só sabemos da presentación dun (tipo recita). Tendo en conta as súas limitacións técnicas, deberían procurar a diferenciación das aventuras contemporáneas de medianas e grandes compañías na interacción (o panorama é bastante desalentador neste aspecto). Non apunta nesa dirección en canto a interface e árbores de diálogo, mais aínda lle podemos conceder o beneficio da dúbida nos quebracabezas (que son a parte máis complexa e pouco evolucionada do xénero, e por tanto, nada sinxelos de deseñar), se aí non acadan certos niveis…

 

Sobre o autor:

@Miguel R. Fervenza | Ver as entradas publicadas por Miguel R. Fervenza »

«Os oitenta transformábanse devagar no ubérrimo esterco do que se nutrirían as aventuras gráficas namentres un verde fulgor actuando tal que bioluminiscente reclamo sexual de vella das papas fixaba a miña atención na monocroma xanela trala que se erguía un universo enigmático. Dende entón, varredores cósmicos, motoserras desprovistas de combustible, inchables bonecas escorregadizas e monos tricéfalos aprópianse das miñas noites.»

Deixar un comentario