A Compañía lucense de Small Wonders, adicada ó desenvolvemento para iOS ven de lanzar o seu terceiro videoxogo, YumYumBoy, un xogo de puzzles no que encarnaremos o papel dun neno que é afeccionado da comida lixo e no que a mecánica de xogo baséase nun estilo próximo ós clásicos tipo Mario & Yoshi ou Columns, no que teremos que facer que o neno colla os alimentos para posteriormente xuntalos con outros tres ou máis do mesmo tipo para facelos desaparecer, comendo así, e superando as diversas fases (40 no modo historia e 40 puzzles) unha vez que nos atopemos fartos.

En todos os apartados o xogo loce un aspecto moi bo, tanto na parte gráfica, onde se nota o bo traballo que leva a cabo Small Wonders neste eido, como na música e sons FX , ou na xogabilidade, que fai que o xogador non poida deixar de xogar, e desexe que por exemplo o bus non chegue ó seu destino para poder seguir pasando puzzles, de feito eu levo dous días sen parar de xogar cando teño un anaquiño.

O prezo tamén é outro dos factores a ter en conta, xa que o xogo pode descargarse por só 1,59 euros na App Store, que sendo o xogo máis caro da compañía, (os seus dous proxectos anteriores custaban 0,79 euros cada un) non deixa de ser meramente anecdótico que por menos do que custa un refresco, poidamos ter unhas cantas horas de diversión, co que vos recomendo encarecidamente que vos fagades con el.

Para todos aqueles que non coñecerades Small Wonders, na miña humilde opinión, a mellor compañía de videoxogos que hai en Galiza, paso a continuación a facer unha breve retrospectiva da súa traxectoria, dándovos a coñecer os seus dous primeiros traballos, tamén para iOS.

O primeiro xogo que lanzaron, Battle of Puppets, foi para min o mellor dos tres. Trátase dun xogo de estratexia no que dous exércitos enfróntanse nun escenario de scroll horizontal, en dous tipos de xogo; un no que o obxectivo e destruír a base rival (sen que nos destrúan a nosa, loxicamente), e outro no que simplemente temos que sobrevivir á invasión de numerosas tropas inimigas. O xogo tivo tal aceptación que inclusive lanzaron unha expansión gratuíta deste último estilo de xogo, no que os inimigos aparecían de xeito ilimitado. Unha compra obrigada para todos aqueles que teñades un dispositivo iOS, e para os que non, non vos poñades tristes, pois en Steam tedes unha alternativa case igualiña, o Swords and Soldiers.

O segundo traballo de Small Wonders chámase World of Popus, e sendo un xogo moi bo, na miña opinión é o máis feble dos tres, xa que non acada o grado de adicción dos outros dous. Trátase dun xogo no que temos que facer avanzar a unhas criaturas, os Popus, a través dun escenario repleto de obstáculos, no que o máis salientable é a frescura que aporta o seu control. Facemos avanzar ós Popus premendo co dedo xusto detrás deles no lado contrario ó que queremos avanzar. Aínda que sexa o máis feble, eu de vos, por 0,79 euros non o pensaría e tamén o mercaría.

E xa para despedirme, darvos as grazas por aguantar toda a parrafada que vos soltei, pero creo que esta compañía merece todo o apoio e toda a difusión posible, xa que este tipo de proxectos en Galiza non é que abunden a dicir verdade. Tamén quería pedirvos perdón se o artigo non está á altura, pero esta é a miña primeira contribución (agardo que a primeira de moitas) a este proxecto que é Memoria Pixelada.

E sen máis, déixovos a continuación toda a información sobre Small Wonders, os seus xogos, e o tráiler do YumYum Boy.

Saúde.

Small Wonders: Web
YumYumBoy: App Store
Battle of Puppets: App Store
World of Popus: App Store

Sobre o autor:

@aPeleteiro | Ver as entradas publicadas por aPeleteiro »

«Practicamente coma todos os da miña xeración, a miña relación cos videoxogos comezou cando me regalaron a NES, o que fixo que dende entón non puidese abandonar nunca máis este marabilloso mundo. A partir daquela pasaron pola miña man case que toda as consolas, Super NES, Nintendo 64, PlayStation 1 e 2, XBOX 360, sen esquecer as portátiles de todas as cores. Actualmente adico maioritariamente o meu tempo a xogos indies e sobre todo ó inigualable League of Legends

Deixar un comentario