Análise de Bulletstorm

Por: Xoves, 17 de Marzo de 2011

Epic Games está inmerso na súa próxima xoia que é Gears of War 3, pero as grandes compañías non se conforman con realizar un só xogo e bríndannos Bulletstorm, un FPS futurista no que predomina o sangue, os tiros, os comentarios humorísticos e todo isto adornado cun apartado técnico de luxo.

Honestamente nunca pensei que Bulletstorm chegase á calidade que ten, só pensaba “vale, un xogo de Epic Games que quere aprobeitar o tirón do seu GoW, xogábel, pero sen alardes”. A ignorancia que tiña cando pensaba isto xa desapareceu, porque Epic Games volveuno conseguir,volveu colocar no mercado un xogo tremendamente divertido que moi doadamente se pode convertir no GOTY do ano.

A historia comeza na nave dun capitán alcohólico resentido co seu superior e que non dubidará en xogar o seu propio pelello con tal de vingarse. Despois duns mínimos sucesos rematan todos nun planeta que garda máis dun segredo e nos que se atoparán cos máis temíbeis habitantes e criaturas.

Comezaremos a afacernos ao seu control (o xa máis que típico nos shooters subxectivos) neste planeta, pero teremos que aprender a controlar outros dous factores que engaden variedade á historia e desenrolo, o láser e os ataques corpo a corpo.

O láser serviranos de axuda tanto para sortear obstáculos (derribar bidóns,baixar pontes…) como para atacar aos inimigos dende certa distancia e incluso crear unha onda expansiva que deixará inofensivos aos que nos rodean.

E o segundo factor que debemos controlar son os ataques corpo a corpo, xa que o noso protagonista poderá dar patadas a todos os que se acerquen. Con isto parece que o tema da xogabilidade queda bastante “soso”, pero aquí chega o gran aliciente de Bulletstorm, xa que se realizamos mortes das máis diversas maneiras premiarannos con puntos, os cales poderemos canxear por novas melloras, tanto para armas como para o láser. Así, ao longo da aventura irémonos atopando con múltiples puntos os que poderemos acceder mediante o noso láser e que nos indicarán os tipos de mortes que podemos facer (tamén os que dan máis puntos), as melloras que podemos realizar e as armas que temos na nosa disposición.

Así, premiaranvos por disparos á cabeza, lanzar inimigos ao baleiro, lanzalos contra corrente eléctrica,espetalos contra cactus… e toda unha infinidade de mortes que dan un toque de humor e variedade a un título que xa engancha de por si.

Con referente ao número de armas hai que mencionar que seguiron exemplo do seu GoW, polo que non son moi numerosas, contando coa típica ametralladora,pistola,recortada, francotirador e algunha que outra innovadora, como a lanzadora de cadeas explosivas. Pero isto non inflúe absolutamente nada na variedade de situacións que nos fai superar o xogo e aquí podemos aplaudir a Bulletstorm, porque sen entrar en moitos detalles só vos mencionarei algunhas das cousas que teredes que facer:escapar a unha enorme roda xigante no tren no que imos subidos, controlar a un robot de dinosauro para destruír aos nosos inimigos e sobrevivir a un encoro que se ven abaixo, e non pensedes que isto será todo ehh, porque sorprenderédesvos máis dunha vez ao longo de toda a aventura.

Pero existe outro factor que fai que este xogo enganche de tal maneira: os seus personaxes. E unha vez máis imita ao Gears of War cuns personaxes carismáticos e que non paran de falar en toda aventura con comentarios que vos arrancarán, como mínimo, un sorriso. Iso si,este título é só para maiores de idade tanto pola súa violencia como polo seu vocabulario, así que menores e pais despistados, absterse.

A historia quizáis sexa o máis frouxo de todo, máis que nada porque plantéxannos o de sempre, un bo con sede de vinganza e un malo sen remordementos. Axuda que polo medio acontezan detalles impredecíbeis e que o final sexa… deberédelo xogar para sabelo, pero non estaría mal unha nova volta ás historias de sempre.

Misións secundarias?, pois os detalles de atopar (e beber) todas as botellas de licor (que deixan o protagonista con vista borrosa por un tempo) e destruír uns robots que atopamos pola aventura, pero se queredes realizar fazañas diferentes sempre podedes botar man dos logros ou dos logros descafeinados (tamén chamandos trofeos na PS3).

Ah, claro, aínda non falei do apartado gráfico, pero aínda vos importa isto sabendo a diversión que nos ofrece?, pois tranquilos que nes aspecto Epic Games tamén estivo atento e lonxe de crear uns escenarios escuros e serios, o colorido invade o planeta no que estamos e cun nivel de detalle impresionante. A calidade baixa nas zonas con pouca iluminación, polo que parece que non lle deron demasiada importancia a lugares como unha cova ou unha zona de almacenamento de residuos subterránea. Por qué hai tanta diferenza entre zonas exteriores e interioes?, por qué Epic Games?.

Con isto non quero dicir que sexan malos os gráficos dos interiores, pero si que non están altura dos fermsísimos exteriores que nos ofrecen, tanto que incluso o noso protagonista bromea dicindo “vaia visas que temos dende aquí”.

Agora vou coa conclusión, é dicir, co único que ides ler a inmensa maioría.

Estamos ante un dos mellores shooters subxectivos do ano, que non vos caiba dúbida, polo tanto Bulletstorm non lle gustará aqueles que non gusten dos FPS, nin dos que non gusten dos bos xogos.
Para o resto dicirlle que polos seus espectaculares gráficos, os seus diálogos continuos, a inmensa variedade de situacións e sobre todo, a súa incuestionábel DIVERSIÓN, deberiades ter a Bulletstorm como futura compra, pero esta só é a humilde opinión de alguén que desfrutou como nunca de BULLETSTORM.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario