Este mércores, Sergio Prieto, un dos fundadores (xunto a Javier Vara e Javier Vilar) da compañía galega Gato Salvaje, foi entrevistado no programa Nexus 6 de Radio Obradoiro, permitíndonos coñecer mellor a actualidade do desenrolo de Sexo, mentiras e traballos de clase, o primeiro capítulo da aventura episódica AR-K da que xa falabamos aquí.

A decisión de comezar no mundo dos videoxogos cunha aventura gráfica debeuse en gran medida ao orzamento dispoñíbel (aínda que Sergio é un grande afeccionado ao xénero), capital aportado por eles mesmos (non hai subvencións polo medio). Aínda que, dende logo, unha aventura non é algo de barato desenrolo, si precisa dunha menor inversión respecto a outros xéneros do videoxogo. Ademais, hai xa antecedentes de que o formato episódico funciona para esta disciplina (cando menos economicamente), podendo financiar en parte coas propias vendas desta primeira entrega o desenrolo dos seguintes episodios. Loxicamente, e aínda que a compra anticipada (5,95 €) suporanos un aforro en vindeiros episodios (ademais de darnos acceso a gorentosos extras), o lanzamento do resto de capítulos estará condicionado pola acollida de Sexo, mentiras e traballos de clase (por iso non se pode mercar aínda a serie completa, que constará dun total de cinco entregas). As súas previsións, para cubrir custes e pouco máis, sitúanse en 20000 descargas a nivel mundial (oxalá as acaden). O xogo sairá dobrado ao galego e ao español, tendo tamén tradución (entendo que só textos), para o mercado alemán (moi potente no que a aventura se refire) e o anglosaxón. A aventura será levada tamén aos dispositivos portábeis, quedando a súa saída para sistemas operativos Linux a expensas da demanda.

A integración da dobraxe (xa gravada) deste primeiro episodio é o derradeiro paso previo que resta antes do lanzamento. O xogo conta con voces moi coñecidas no noso país, sendo María Castro (á que coñecemos en Pratos combinados) quen dará vida a Alicia, a protagonista, acompañada de Antonio Durán “Morris”, Miguel Pernas, Andrés Bellas, Nacho Castaño, Roberto Reboiro, Santiago Fernández e Dani Lema; non podemos falar do resultado, porén, a escolla semella francamente boa.

Aínda que se marcaran o nove do mes que agoniza como data de saída do xogo, todas as situacións que dificilmente se poden prever sendo primíparos atrasarán algunhas semanas a súa saída. Precisamente pola novidade das circunstancias ás que se enfrontan, non poden aínda precisar unha data, pero esperan telo listo para a descarga ao longo do mes de marzo. O que si é inminente, é a saída dunha demo xogábel, carta de presentación obrigada para unha compañía novel. Durante a vindeira semana deberiamos poder dar os primeiros pasos con Alicia na nosa computadora.

As etapas vanse queimando e a saída da primeira aventura comercial galega está á volta da esquina, dende Memoria Pixelada seguiremos de preto as novidades, ansiosos por botármoslle o dente ao xogo.

Sobre o autor:

@Miguel R. Fervenza | Ver as entradas publicadas por Miguel R. Fervenza »

«Os oitenta transformábanse devagar no ubérrimo esterco do que se nutrirían as aventuras gráficas namentres un verde fulgor actuando tal que bioluminiscente reclamo sexual de vella das papas fixaba a miña atención na monocroma xanela trala que se erguía un universo enigmático. Dende entón, varredores cósmicos, motoserras desprovistas de combustible, inchables bonecas escorregadizas e monos tricéfalos aprópianse das miñas noites.»

Deixar un comentario