Lembrádesvos de Back to the Future? Está de volta, en forma de… aventura gráfica. “Aventura gráfica?, mi madriña!, aínda existe ese xénero?”

Telltale Games, empresa californiana que leva un lustro a axitar o mundo da aventura, é a encargada de devolver a vida á afamada saga cinematográfica dos oitenta. Despois de vinte anos, a adquisición da licenza por Telltale espertou o interese dos nostálxicos fans. Como xa sucedera coa exitosa Indiana Jones and the Fate of Atlantis (onde tamén traballara Stemmle, un dos deseñadores da presente aventura), o serial conta unha nova historia, seguindo cronoloxicamente á triloxía da gran pantalla.

Nos filmes, de calidade e congruencia decrecente (“temos que axudar a teu fillo no futuro”, “lembra que o teu futuro non está escrito”), Emmett “Doc” Brown, científico excéntrico (si, é de familia de cartiños, senón sería científico toleirán), ten amizade con un mozo de instituto, Marty McFly. Ancián e adolescente viven toda clase de enredos temporais para rematar a terceira entrega separados por sempre, o DeLorean está feito cachizas e “Doc” Brown formou familia no Vello Oeste. A historia do videoxogo parte uns meses despois, é 1986 e Marty non termina de afacerse á vida sen Brown. Dando por morto ao científico, o banco (o día que se perdan…) vai poxar os seus bens. O derradeiro consolo que lle queda a Marty, é recuperar o caderno no que “Doc” tomou as súas anotacións sobre a máquina do tempo, para evitar que caia en malas mans. Cando consegue facerse con el no laboratorio, prodúcese un estoupido no exterior acompañado dun resplandor. Fóra, tópase fronte a un intacto DeLorean (como pode ser?); no seu interior, só Einstein (si, o das guedellas, o can de “Doc”). Descobre por un sofisticado soporte de gravación de voz, un casete, que a máquina do tempo tiña un sistema automático de regreso ao presente perante calquera incidencia. Emmett Brown está en atrancos, co panel que marca a data da última viaxe derramado, Marty terá que pescudar en que momento da historia está atrapado o seu amigo e ilo rescatar.

Se hai un termo de moda no mundo dos videoxogos, ese é “casual” (lido como palabra grave, que sempre queda máis “cool”). Sabedores do alcance do que tiñan entre mans, Telltale tentou facer un xogo accesíbel a calquera que se quixese achegar. O xénero xa leva tempo a experimentar unha simplificación, ou sendo menos eufemísticos, a Aventura non é allea á “idiotización” da industria do entretemento. Así, cando menos nesta primeira entrega, os retos son raianos ao ridículo, as múltiples axudas do xogo (ignoralas no posíbel), únense a un deseño parco en puntos quentes e unha interface que non permite a combinación de obxectos, reducindo considerabelmente a nosa experiencia como xogadores.

Achegámonos ao temido “filme interactivo”, sendo máis espectadores ca xogadores. Os crebacabezas non nos abstraen do simplificado conxunto, a utilización tradicional dos obxectos e unha dinámica repetitiva, acompañan o pobre deseño.

O control do personaxe (movémonos mantendo premido o botón principal do rato), herdado da anterior resurrección de Telltale, Tales of Monkey Island, é incómodo e provoca un desprazamento pouco natural, con deslizamentos e dificultades para seguir unha traxectoria rectilínea. A interface segue a reducir á mínima expresión as nosas posibilidades de interacción, unha esquemática representación do flux capacitator fai ás veces de punteiro, acéndese perante os puntos quentes permitíndonos ou ben executar a acción predefinida (sexa observar, falar, coller, usar… o xogo decide), ou ben utilizar algún obxecto dun inventario máis aparatoso que funcional.

As árbores de diálogo preséntanse como un requilorio (un máis), que non enganará nin ao menos espelido sobre a súa capacidade de decisión na aventura.

No tocante ao aspecto gráfico, acertouse coa escolla de estilo, o cartoon comedido axústase ao enfoque que lle deron á aventura sen que os personaxes cinematográficos deixen de ser identificábeis. Sen seren uns gráficos de ultimísima xeración, o resultado é agradábel e a posibilidade de xestionar o nivel de detalle permitiranos correr o xogo nunha ampla gama de equipos.

It’s About Time é un produto que confía por completo o seu éxito á nostalxia. Christopher Lloyd ponlle voz ao personaxe que interpretaba nos filmes, “Doc” Brown (do Emmett novo fai J.A. Taylor), Michael J. Fox, impedido pola súa enfermidade e o paso do tempo, deixa o papel de Marty a un convincente A.J. Locascio. A “clásica” e fabulosa peza Back to the Future Theme de Silvestri, acompáñanos durante a maior parte da aventura, cunha breve aparición de Back in Time de Huey Lewis e Chris Hayes, botamos de menos unha maior variedade e presenza na ambientación (especialmente no tempo de destino de Marty). Non faltan as referencias fílmicas, repetindo os clásicos mecanismos da saga sen arroxar máis identidade que o novo personaxe de Edna Strickland, “encantadora” irmá do director do instituto da Hill Valley. Non hai tempo sequera para o despegue da historia, de moi fráxil sustento, se algo verdadeiramente digno nos espera nesta aventura episódica (o segundo capítulo está no forno), será alén do To be continued… da primeira entrega.

Sobre o autor:

@Miguel R. Fervenza | Ver as entradas publicadas por Miguel R. Fervenza »

«Os oitenta transformábanse devagar no ubérrimo esterco do que se nutrirían as aventuras gráficas namentres un verde fulgor actuando tal que bioluminiscente reclamo sexual de vella das papas fixaba a miña atención na monocroma xanela trala que se erguía un universo enigmático. Dende entón, varredores cósmicos, motoserras desprovistas de combustible, inchables bonecas escorregadizas e monos tricéfalos aprópianse das miñas noites.»

Deixar un comentario