Galeoke

Por: Martes, 25 de Xaneiro de 2011

Galeoke é un xogo de PC do tipo SingStar, mais totalmente en galego e con temas galegos. Ben, para sermos exactos é apenas unha versión do xogo de software libre Ultrastar Deluxe traducida ao galego.

Mais a novidade non radica en traducir software libre, senón nas cancións que ofrece. Chegando a un acordo con diferentes selos ofrécenos un total de 16 cancións galegas (e algunha máis descargábel) polo “módico” prezo de 20€. En troca, podemos escoitar cancións tan famosas como… O Nordés d’Os Diplomáticos de Montealto? Galicia Canibal d’Os Resentidos? E 14 máis aínda menos coñecidas? E tendo en conta que entre elas está Como os caranguejos, de Projecto Mourente, que é publicada baixo unha licenza Creative Commons

Non sei, cando escoitei falar do proxecto, hai tempo xa, era diferente. O seu obxectivo era coller música con licenza Creative Commons (como a do vídeo de Youtube de acima) e ofrecela, xunto co programa traducido ao galego, gratis na súa web. E esa idea ilusionoume, pois grupos galegos que emiten con ese tipo de licenza hai abondo (Ataque Escampe, Guezos, Sacha na Horta…). E, aínda que ese proxecto orixinal fose vendido en formato físico, podería valer sobre 10€, e entón… quen se resistiría a compralo?

Enfin, apesar de todo é unha boa compra xa que é o único karaoke deste estilo na nosa lingua. Se o queres comprar podes visitar algún dos puntos de venda. Para máis información visita a súa web: http://galeoke.com/

Sobre o autor:

@AmilGZ | Ver as entradas publicadas por AmilGZ »

«Cando tiña 8 anos regaláronme a miña primeira consola, unha Mega Drive noviña do trinque. No momento en que a conectei á televisión e vin un ourizo azul a rodar pola pantalla, notei un bolboretear no meu estómago. Resultaron ser gases, mais aínda así gostei bastante dos videoxogos en xeral e de Sonic the Hedgehog en particular. Comezou así unha bonita historia chea de amor, sangue e bolachas de dinosauro que se estende até a actualidade.»

Deixar un comentario