Análise de New Super Mario Bros Wii

Por: Luns, 3 de Xaneiro de 2011

Con retraso propóñome analizar un dos xogos estrela da consola de sobremesa de Nintendo, o New Super Mario Bros.
Basicamente este xogo pretende ser unha imitación do xogo que xa saira un ano antes para a Nintendo DS, e desta maneira recuperan as dúas dimensións que fixeron famoso ao fontaneiro máis famoso do panorama.
Así repetimos estratexia de diversión, é dicir, controlaremos a Mario nuns escenarios en scroll lateral sorteando as máis diferentes plataformas que atopamos ao longo dos oito mundos (mais un que se desbloquea ao final), tentando coller as tres moedas escondidas ao longo destes escenarios (creo que esta descrición sobraba, porque a estas alturas o que non coñeza a temática dos xogos de Super Mario é que vive metido nunha cova a escuras).
Pero a gran novidade deste videoxogo é que poderemos pasar todo o título acompañado de unha, dúas ou tres persoas, e qué conleva isto?, pois que a diversión aumenta de forma enfermiza. Catro persoas colaborando entre elas para sortear as trampas que nos atopamos é espectacular, e así aumentamos o reto do xogo, porque temos que ter tino de non entorpecernos nós mesmo, e aínda que pareza unha tontería, resulta do máis acolledor tres persoas saltando de nube en nube nunha superficie tan estreita e sen caer.
Tamén engadiron outra novidade, como é a posibilidade de rodearnos nunha burbulla cada vez que nos vexamos nun apuro grande con só premer o botón A, e deste xeito comezaremos a flotar polo escenario ata que algún do resto dos compañeiros nos salve tocándonos, pero moito coidado con este feito, porque se todos os xogadores están en burbulla o xogo remátase. Pero isto fai que a dificultade aínda sexa máis feble, e tendo en conta que os títulos de Mario non son precisamente moi complexos de pasar, non axuda demasiado esta atípica burbulla.

Pero seguindo falando de novidades, desta volta Mario trae novos poderes, como a gorra hélice, que nos permite facer saltos moi altos, o traxe de pingüín ou o poder do xeo, que nos permitirá conxelar aos nosos inimigos. Tamén debemos engadir algún detalle na xogabilidade, como a utilización de accesorios co movemento do mando, que obsequian maior variedade a un título que lle sobra publicidade (aínda que Nintendo non repara en gastos no seu márketing).
Pero xa abonda de tantas loubanzas cara este New Super Mario Bros Wii, porque aínda que a diversión predomina ante calquera outro apartado que poida describir, existen unha serie de factores que deberían correxir para posteriores títulos.
O primeiro deles e o máis grave para min é a enorme facilidade coa que se atopan todas as moedas. Entendo que Nintendo queira facer un título accesíbel para calquera usuario, pero poderían buscar solucións, como por exemplo, aumentar outras dúas ou tres moedas moito máis escondidas no escenario, que houbese que rebuscalas, non se atopasen a simple vista…Deste xeito tamén aumentarían a duración do xogo, porque debo dicir que pasei o xogo ao 100% en relativamente moi pouco tempo.

E a estas alturas tamén deberían coidar un chisco máis o apartado gráfico, porque é un apartado moi, moi xustiño para tratarse dun Mario, e se non levase este nome, dubido moito que nos olvidaramos desta deixadez tan rápidamente.
Con respecto á música non a vou criticar, porque escolle ás melodías que xa fixeron famoso a Mario e sempre trae unhas lembranzas moi saudábeis, pero sería moi arriscado non facer tanto copia e pega nestas cancións?
Parece que estou deixando a Mario nun estatus moi baixo pero non é así, Mario ten a xogabilidade e a diversión por enriba de todo, e é algo que entendo e comparto, porque realmente é un dos xogos máis divertidos que vos podedes atopar no catálogo da Wii, pero simplemente poño o meu gran de area para mellorar aínda máis a súa experiencia, xa que aos casual gamers abonda con poñerlle publicidades chorras na televisión, pero aos hardcore queremos sempre un pouco máis, e isto é a forma de evolucionar.
Aínda así, é un xogo completamente obrigatorio para calquera que teña na súa posesión unha Wii, lanzádevos a el e desfrutade de Mario… de novo

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario