Análise de Guitar Hero:Warriors of Rock

Por: Venres, 26 de Novembro de 2010

Unha das sagas máis prolíferas volve nesta sexta entrega pretendendo satisfacer aos máis puristas do sector.
Para aqueles que amamos a terceira entrega de Guitar Hero, ben sabemos que a saga estaba quedando un pouco estancada, cancións repetitivas, total falta de orixinalidade e o que é peor, unha mala combinación de botóns dentro da canción.
Con Warriors of Rock a saga quíxose reinventar engadindo diferentes cambios que dotan ao título de certa orixinalidade dentro do que cabe.
O primeiro a destacar é o modo historia, xa que lonxe das típicas evolucións de bandas, agora debemos recrutar a unha serie guerreiros para derrotar ao monstro final. Por suposto, todo isto sen variar a temática do Guitar Hero, é dicir, imos vendo caer notas na pantalla as cales temos que premer ao mesmo tempo na nosa guitarra. Este argumento fai que se afaste un chisco do tópico e engádelle certos aires novos que lle sentan moi ben, ademais, con cada grupo de cancións superada, os guerreiros melloran e evolucionan obtendo novos poderes como aumento do número de estrelas, posibilidade de cometer erros sen que desconte,etc.
Como xa é típico, tamén podemos unirnos a un grupo de compañeiros para que cada un toque un instrumento, ben sexa guitarra, baixo, voz ou batería, pero non vou falar deste apartado, xa que non o probei, e todo isto pola mala reacción de Activision ante o meu “problema”.
Así, só me adico a xogar coa miña guitarra sen engorrosas baterías que fallan.

Como sempre acontece, o modo historia pásase relativamente pronto, aínda que isto nunca foi un inconveniente para esta saga, xa que se hai algo que a caracteriza é a súa maneira de enganchar.
Por isto, aínda podes xogar partidas rápidas para superar as túas propias puntuacións e aquí o maior logro que puideron facer os seus creadores. Puxeron un modo aleatorio infinito de cancións. Para os que xogamos horas e horas sabemos a importancia que ten este feito e o gran acerto que foi, xa que deste xeito non perdes tempo en andar escollendo cancións (tamén tes esta opción, por suposto).Ademais, a medida que gañas estrelas continúas desbloqueando extras que alonga aínda máis a vida deste Guitar Hero. Fabuloso modo de partida rápida, sen dúbida.
Polo resto todo está máis ou menos igual, idéntico apartado gráfico (xa podían melloralo un pouco), espléndido apartado sonoro (só faltaría) e inxentes doses de diversión.
Xa sabedes, se eres fan dos Guitar Hero, non dubides en adquirir este novo título, que continúa quedando por debaixo da xenial terceira parte pero mellora bastante aos títulos posteriores tanto pola correcta selección de cancións, como polo modo historia e rematando polo ben dito modo de partida rápida.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario