Análise de Halo Reach

Por: Venres, 24 de Setembro de 2010

Halo Reach

Aquí está un dos xogos máis esperados polos usuarios de Xbox 360, un novo título de Halo do que presumían que podería levar o nome de Halo 4… e para mín continúa sendo un novo capítulo da saga máis sobrevalorada da historia dos videoxogos, e Halo Reach vólveme facer sentir o mesmo.

Halo Reach sitúase anos antes do primeiro videoxogo, pero esquecédevos de controlar ao “Xefe Mestre” (único detalle carismático da saga), igual que acontecía no ODST, estaremos controlando a soldados normais que farán o que sexa para frear ao ataque Covenant.

Así parte Halo Reach, un FPS cuns combates contínuos pero pouco emocionantes, polo menos para o meu punto de vista, xa que a reiteración de situacións xunto aos escenarios bastante parecidos entre si suman no xogador unha curiosa ( ou non tanto) sensación de monotonía.

Halo Reach 2

Aínda así, Bungie quixo amañar este lastre con certos detalles de variedade como a posibilidade de pilotar unha nave no espazo exterior ou unha pequena misión na que controlamos unha torreta anti-aérea, pero aínda que se agradecen moitísimo estos detalles, a sensación segue sendo de frialdade, pouca emoción, pouca sensibilidade.

A estas alturas vou facer unha breve pausa para mencionar a miña curiosidade polos analistas deste videoxogo noutras páxinas, con notas superiores ao nove con cinco,sobresaíntes por todos os lados… quizáis sexa eu que non entendo de videoxogos, pero levo pasando xogos de Halo dende a segunda parte para conseguir ver esas “xoias” que todos mencionan, pero nunca tiven ese pracer e sempre me atopo coa mesma sensación. Tamén é certo que non probei o on-line e seica é do melloriño, pero xa opinei máis dunha vez dos xogos por internet, e non me acaban de convencer.

Pero continuemos coa miña andada por Halo Reach, porque innova nun detalle que me gustou bastante, e non é outra cousa como a posibilidade de optar a nosa armadura de certos poderes, como poder correr, escudo parcial e incluso jetpack, pero todo isto vense abaixo cando unha vez máis volvemos coller un vehículo. O control segue sendo tan pésimo (non se me ocorre un adxectivo peor sen insultar) como o do resto de xogos Halo, cunha física chorra e uns efectos de velocidade nulos, e todo isto é sen conduces ti,porque se optas por poñerte a disparar o conto cambia, pero para peor, cunha intelixencia artificial imperceptíbel no que o personaxe que controla a máquina non dubidará en meterse no medio de todos os disparos, e como ten estipulado que non pode saír dos camiños, como toque un pouco de herba ou se saia un pouco da ruta comezará a maniobrar no medio dos disparos como se non pasase nada ata que as balas rematan coa vida dos protagonistas e da vosa paciencia.

Halo Reach 3

É que non engancha o xogo por detalles así, porque podes estar nun tiroteo contínuo e aínda que non sexa moi bo nin moi sensacional pasas o tempo (máis ou menos) sen aburrir, pero de repente aparéceche unha fase de vehículos e xa podes ir tremando. Aínda bo é que a dificultade é bastante sinxela polo que non terás que repetir case nada, menos que che falle a función de autogardado e teñas que reiniciar a misión, como me pasou a mín dunha vez, momento no que case tiro o xogo pola ventá.

Pero continuemos con esta “xoia” falando do apartado gráfico. É certo que se mellorou o aspecto de Halo 3 (cousa nada complexa, por outra parte), pero os erros gráficos seguen estando á orde do día, e refírome a detalles como desaparición de obxectos en plena misión, teletransporte dos soldados para subirse aos coches e máis cousas que embadurnan o resultado, e todo isto sen contar que os escenarios son todos case iguais, texturas moi lisas e unha das peores representacións do mar que vín en moito tempo.

Así que xa vedes, supoño que terá tanto éxito pola publicidade que lle meten, pero por moito que moleste aos amantes desta saga non deixa de ser un FPS do montón e non teño ningún problema en decir que desfrutei moitísimo máis con Singularity que con este Halo Reach

 

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Análise de Halo Reach”

  1. rOke di:

    unha magoa en este momento ter a ps3 e non a xbox

Deixar un comentario