Momentos estelares nos videoxogos (III)

Por: Xoves, 26 de Agosto de 2010

burnout3_2

Tiña esta sección moi abandonada, polo que decidín recuperala un pouco, pero lonxe de contar grandes momentos de xogos clásicos ( que existen moitos, será que a lembranza fai que eleve a calidade destos xogos), ou grandes títulos de aventuras, o gran momento estelar vai ser dun xogo de condución, si, parece raro, pero existe un momento no que todo xogador quedeou imantado polas imaxes que estaba vendo, estoume referindo ao Burnout 3: Takedown.

Unha fodida xoia de condución arcade que captou a atención da inmensa maioría dos xogadores, e non era para menos, uns gráficos impresionantes ( recordemos que saíu na PS2), unha sensación de velocidade nunca vista en ningunha plataforma, unhas carreiras incríbelmente adictivas e divertidas e coa innovación dos chamados Takedowns, é decir, a posibilidade de botar fóra do recorrido aos rivais golpeándoos.

Isto aumentaba as posibilidades dun xogo deste tipo, xa que non só había que chegar á meta de primeiros, se non que debíamos ter coidado dos choques dos rivais, e todo isto sen ter en conta a coidada intelixencia artificial e os modos de xogo.

Un grande clásico dentro desta saga, e para min, o mellor de todos os Bornouts sen ningunha dúbida. Nin sequera este último Burnout me conseguíu satisfacer tanto como a terceira entrega, asegúrovolo.

Pero aquí estou para comentar un dos grandes momentos deste título, e de todos os xogos de condución, o momento no que temos que controlar un Fórmula 1 polo medio duns circuítos cheos de tráfico e curvas.

A sensación de velocidade de calquera vehículo xa era impresionante de por si, pero imaxinádevos nun monoplaza deste tipo. Os coches que viñan apenas se vían grazas a esta velocidade,a mirada tiña que estar centrada no fondo do circuito, porque o que vías ao lonxe xa o tiñas enfronte en cuestión de segundos. Pero a espectacularidade non remataba aquí, xa que todo se multiplicaba cando accionabamos óxido nitroso, e recordemos que para conseguir nitroso debemos circular por sentido contrario, facer saltos, takedowns, rozar outros vehículos…xa podedes imaxinar o que nos espera nesta fase.

Impresionante, e todo isto adornado cun son que nos mantía pegados ao mando como os lagartos arnaus aos paus que morden.

Os que xogastes a este título supoño que o recordaredes, porque é difícil de esquecer.

Non hai dúbida, ben merece un un recuncho neste apartado

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “Momentos estelares nos videoxogos (III)”

  1. Leo di:

    Xogueino un par de veces na PS2 do meu cuñado e estaba moi ben, pero sinceiramente prefiro con diferencia o Burnout paradise, ainda que so sexa pola banda sonora de Guns 'n' Roses

  2. skaltum di:

    O Paradise quixo innovar facendo unha especie de sandbox, pero con isto perdeu a esencia de gañar simplemente con non saírte do recorrido. O detalle de ter que andar buscando a ruta máis curta xa era algo que non me gustaba demasiado no Midnight Club, e aquí tampouco me gustou demasiado.
    Pero non malinterpretes as miñas palabras, o Paradise é un xogazo recomendábel o cen por cen, só que teño un cariño especial aos xogos arcade de condución, no que só te tes que preocupar de dar as mellores curvas e conducir mellor que o resto, e non perder uha carreira porque te perdiches no mapeado, ou elixiches a peor pista.
    Por certo,¿onde deixaron o multixogador a pantalla partida no Paradise?…

Deixar un comentario