Análise de Dead Space Extraction

Por: Mércores, 25 de Agosto de 2010

dead space extraction 1

En primeiro lugar gustaríame saudar a todos os que len este blogue pois é a miña primeira colaboración nel. Tratarei de facelo o mellor que poida, pois ata o de agora nunca fixera análises e artigos sobre videoxogos.

Tamén me gustaría aclarar que os meus artigos serán sobre xogos para PC e Wii, que son os sistemas que teño, e que aparte diso, probablemente na maior parte dos casos non serán sobre xogos moi actuais por razóns basicamente de tempo. Teño moito menos tempo do que me gustaría para poder xogar e polo tanto rematar os xogos lévame tamén mais.

Aclarado isto comezo a análise de Dead Space Extraction para Wii:

Recordo a grandísima sorpresa que levei cando xoguei a Dead Space no meu PC. Tratábase dun shooter en terceira persoa con toques de Resident Evil e ambientado nun futuro no que a humanidade quedaba sen recursos e tiña que explotar outros mundos para sobrevivir. Isto non é moi orixinal, pero misturado con toques de Terror, bastantes elementos de Rol (as armas, armadura son persoalizables e pódense mellorar), e cunha ambientación e guión soberbios daban como resultado un xogazo coma poucos deses que te enganchan totalmente ata que os finalizas.

A alegría que levei o ler nos medios especializados de que se estaba a levar a cabo un novo episodio ambientado antes do orixinal e para a consola de Nintendo so se viu reducida o saber que sería un Shooter on Rails. Pero pouco a pouco íase filtrando información, fotos e vídeos e todo invitaba o optimismo. Os que temos unha Wii sabemos que a pesares que temos grandes xogos para a nosa consola, normalmente os xogos de terceiras empresas non son precisamente obras mestras, pero tanto Electronic Arts como Visceral Games prometían un xogo cun nivel técnico coma nunca se vira na Wii.

E non nos enganabamos, non. O xogo ten un nivel técnico sobresainte e explota case que o 100% a potencia da consola. Pero había un problema, sobre todo para os que vivimos no estado Español, i é que o xogo non viña traducido nin dobrado o castelán (xa non digo nada do galego). E nun On Rails digamos que é imposible ler, traducir e disparar o mesmo tempo, e mais si aínda o nivel de Inglés que ten un servidor e tan malo. Coma min, supoño que moitos terían o mesmo problema, e o xogo foi un fracaso de vendas no noso pais. Todas as esperanzas postas no xogo tiradas polo chan…

Gracias a Deus, ou mais ben a un grupo de xente moi xenerosa (Team Extraction) , o cabo duns meses puidemos desfrutar dun parche que traducía todos (si, todos, non só os subtítulos) os textos do xogo a lingua de Cervantes; co que o fin podía xogar polo menos entendendo e non intuíndo. A análise farase sobre a versión traducida.

Despois de esta quizais demasiado extensa aclaración e introdución, comeza o análise do xogo en cuestión:

Dead Space Extraction

Como xa comentara anteriormente o xogo encadrase dentro dos shooters en primeira persoa sobre raís. Como sabedes este é un xénero que se adapta perfectamente ca Wii, xa que o método de control é o mellor para este tipo de xogos, apuntar e disparar. Si ben este tipo de xogos son o paradigma da linealidade, o non permitir ver mais co que o creador quere que vexamos; Dead Space Extractión “innova” o deixarnos en certos momentos xirar a cámara para ver o redor noso e normalmente poder aprovisionarnos de munición e outros items. Tamén en certos momentos nos permite escoller o camiño que queremos seguir. Cada certo tempo teremos que ter bo pulso para facer unha serie de soldaduras en circuítos a modo de puzles, que nos permitirán avanzar na historia. Segundo avance a historia estas soldaduras serán mais complicadas de realizar e en certos momentos verémonos obrigados a disparar e soldar a vez.

No xogo tomaremos o rol de diferentes personaxes, catro en total, aínda que non hai diferencias entre eles, excepto as armas que portan dende o principio. Estes personaxes serán un mineiro, un policía, unha científica e un militar. Todos eles estarán relacionados con Lexine, que sen tomar nos o control dela en ningún momento, é a protagonista da historia.

Disporemos de diferentes armas, como a básica remachadora de cravos, pasando por pistolas, subfusil, e as típicas de Dead Space, como a serra circular, o canón de enerxía, o arco voltaico…etc Todas estas armas dispón dun modo secundario que nos permite obter novas funcionalidades das armas. Estas tamén son susceptíbeis de ser melloradas, con actualizacións que recolleremos durante a aventura e que nos permitirán aumentar o número de disparos do cargador ou a potencia da arma. A parte das armas, tamén disporemos dun raio gravitacional que nos permite acercar as cousas, é que usaremos para recoller ítems ou obxectos susceptibles de ser lanzados como caixas, bidóns explosivos, etc. Tamén disporemos dun raio paralizador que ralentiza tanto os inimigos coma os obxectos no escenario, e que nos será tremendamente útil para avanzar na historia. Outro característica que temos a nosa disposición e poder usar o nunchaco para dar golpes cunha machadiña cando nos vexamos moi agoniados polos inimigos, ou mentres recargamos. Dicir que o control está perfectamente implementado e non costa nada facerse co dominio deste.

dead space extraction 2

A ambientación e guión do xogo son perfectos e están divididos en 10 episodios. En todo momento estás dentro de Dead Space (recomendo xogar ao orixinal primeiro, pois vale a pena e entenderás mellor este), cos seus corredores, habitacións, tuneis, paseos espaciais, etc. O único que se resinte un pouco, é a sensación de “mal rollito” que no primeiro Dead Space era maior, pero supoño que será culpa do seu paso polo onrails. Os diálogos están moi ben levados, e enseguida captas coma é cada personaxe, cas súas virtudes e defectos (Algúns ten mais defectos que virtudes). Os inimigos son os mesmos que no orixinal, pero son moi variados e cada un esixe un modo de combate, ou unhas armas mais adecuadas, aínda que basicamente consiste en disparar as extremidades dos monstros para facelos cada vez mais lentos e menos perigosos. Existen xefes de fase, e aí dende o meu punto de vista hai un problema, pois creo que non están colocados por orde de dificultade (supoño que é culpa do guión). Dicir que mais ou menos o xogo costa rematalo entre unhas 8 e 10 horas, quizais é un pouco corto, pero si intenso.

Dende o punto de vista técnico, Visceral Games fixo un traballo soberbio, cumprindo integramente o que prometera. Atopámonos ante un dos xogos con mellores calidades gráficas da Wii. Probablemente un usuario de PC, Xbox360, ou PS3 lle parezan moi normais, pero na de Nintendo tratase dun traballo de primeira. O tratamento gráfico é moi detallado, tanto en texturas, como efectos de luz e partículas. Un bo exemplo e o lanzachamas. Non se ven alarmantes baixadas de framerate en case ningún momento, e os movementos de cámara son moi realistas, así coma as expresións e movementos dos personaxes, que son moi reais. O son tamén ten un traballo sobresaínte, cunhas voces moi cribles (en Inglés, iso si), uns efectos, e músicas que te meten aínda mais no xogo.

En canto a rexogabilidade dicir que dispón de diferentes niveis de dificultade, así como un modo reto que nos permite xogar cada capítulo so dándolle o gatillo, sen historia. Tamén o modo cooperativo que permite que un segundo xogador se meta ou saia da partida no momento que desexe, axudando o xogador principal. Segundo avanzamos na historia principal, imos desbloqueando uns comics que aclaran aínda mais a historia.

En conclusión, un xogo tremendamente recomendable, incluso se non che gustan os On Rails. Dende o meu punto de vista está entre os 10 mellores xogos para Wii do mercado, e tratase dunha pequena obra mestra que non debe faltar na estante da túa casa sobre todo por que actualmente o xogo é unha autentica ganga pois costa sobre uns 20€.

 

Publicado por Leo

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “Análise de Dead Space Extraction”

  1. Leo di:

    Gracias por publicalo. A ver que lle parece a xente

  2. skaltum di:

    Sempre é un pracer atopar colaboracións de este tipo, espero que che quedasen ganas de repetir experiencia.
    Saúdos.

Deixar un comentario