Crítica ao filme de Prince of Persia

Por: Mércores, 21 de Xullo de 2010

prince-of-persia-film

Non acostumo criticar filmes, pero xa que está baseado nunha das triloxías máis aconsellábeis da Playstation 2, As areas do tempo, pois vou tentar explicar a miña opinión sobre o que me supuxo ver este proxecto.

Tentarei non soltar ningún spoiler, pero para comezar direi que cumpre con todos os prognósticos que se teñen nunha película que está baseada nun videoxogo. Un pseudo-proxecto que pretende aproveitarse do tirón do videoxogo, catro efectos gráficos para camuflar todas as súas carencias e un guionciño apto para calquera rapaz de catro anos.

Supoño que non sorprenderán a ninguén as miñas palabras, pero incluso as partes que parecían espectaculares no tráiler, acaban sendo minisecuencias que pouca atención lle prestas ao comprobar que o filme non ten ningún grado épico.

Supoño que xa se sabe que o filme conta as aventuras do prícipe de Persia, unha aventura que comeza cando o protagonista é adoptado polo propio rei ( primeira incongruencia ), o cal se fai maior nese reino, e por motivos do destino acaba cunha daga máxica entre as mans. Así pretenden enganar ao aspectador cun argumento simplísimo, e bastante predecíbel, facoría Disney, como non.

Deste xeito, presenzamos unha aventura cunhas pelexas ridículas, uns movementos pouco espectaculares (e máis parecidos ao Assassin´s Creed que ao propio Prince of Persia), uns diálogos absurdos, e como non, o típico “namoramento” entre protagonista e muller guapa ( moi guapa por certo). E isto sen ter en conta todo un cúmulo de circustancias aleatorias e favorábeis a que o protagonista cumpra co seu propósito. Por certo, como me rebentan estos enamoramentos idiotas que aparecen en todas as películas entre tipo forte e “pija” guapa.

Como sempre ocorre, convértese nun proxecto para gañar cartos sen complicarse moito, con detalles que non teñen moito sentido, pequenas escenas de acción ( nada chamativas) e ningún factor concreto que resaltar.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario