Análise de Prince of Persia: as areas olvidadas

Por: Mércores, 7 de Xullo de 2010

PoP Areas esquecidas 1

O anterior título de Prince of Persia era diferente, arriscado, innovador… e supoño que foi por isto que non tivo unha acollida como se merecía. Pois ben, nesta última entrega decidiron volver ao de sempre ( que non digo que os títulos da PS2 sexan malos, todo o contrario ), pero quizáis se repetiron un chisco no desenrolo. Tamén debo mencionar que o título saíu xunto a película ( para aproveitarse do tirón ), é todos sabemos que as presas non son nada boas.

Nas areas esquecidas controlamos a un novo protagonista que vai visitar ao seu irmán, pero que cando chega á cidade atópase en que a están atacando. O irmán, coa finalidade de salvar o palacio emprega as temíbeis areas de Salomón, e como non pode ser doutra maneira, escápanselle das mans. Tranquilos, non é ningún spoiler, xa que isto acontece nos primeiros minutos do xogo.

A partir de aquí deberemos axudar ao noso irmán e afrontarmos a estas areas que converten e transforman a todo o que tocan.

Para os que xa xogastes a xenial triloxía da Playstation 2, saberedes que controlaremos a un personaxe capaz de levar a cabo as peripecias máis arriscadas e extravagantes, como correr polas paredes, facer saltos imposíbes… pero neste título engadíuse un aliciente que o fai do máis interesante, xa que a inclusión de novos poderes como conxelar a auga ou recordar escenas do pasado que nos axudan a sortear os escenarios, fan que o título sexa bastante divertido, pero tanto como os seus predecesores?, para mín, non.

PoP Areas Esquecidas 2

O título baséase en avanzar sen parar e sen case dificultade ( algo que non acontecía nos primeiros títulos ), e os poderes acábanse empregando de maneira puramente mecánica, sen pararte a pensar da mellor forma de empregalos. Así mesmo, os poucos puzles que nos atopamos son a cousa máis simple que hai e non botaredes demasiado tempo con eles.

Referíndonos ás loitas, volvemos á mecánica empregada nos primeiros títulos, pero co aliciente de poder usar diversos poderes de xeo, lume, etc. Deste xeito o protagonista pelexará con bastantes inimigos en pantalla a golpe de espada, coa posibilidade de dar patadas, saltar por enriba deles,usar poderes,etc. O resultado final das pelexas é bastante bo, aínda que se bota de menos algo máis de espectacularidade, e ata non lle viña mal incluso unhas fases de infiltración, como acontecía na terceira parte.

O apartado gráfico cumpre, cuns escenarios bastante detallados e cheos de trampas ( bastante doadas de sortear ,por certo ), e cun deseño dos personaxes que non me acaba de convencer, sobre todo a cara do protagonista que parece que non está traballada de todo ( será por apresurarse a sacalo xunto o filme?). Os inimigos non están mal, peroexiste pouca variedade polo que nos acostumaremos a eles bastante rápido.

PoP Areas Esquecidas 3

Como vedes, o xogo está ben, pero non destaca en nigún apartado e bótanse de menos máis trampas, máis inimigos e máis dificultade, que foron os factores que fixeron dos primeiros títulos unha imprescindíbel triloxía.

Aínda así, eu paseino moi ben volvendo a controlar ao príncipe,pero non estaría mal que se cocese outros mesiños para redondear o título. pero claro, os apuros son os apuros…

Por certo, volveremos ver unha segunda entrega do Prince of Persia anterior?

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario