Análise de Assassin´s Creed 2

Por: Mércores, 6 de Xaneiro de 2010

AC2 1

Moito se ten falado sobre esta segunda entrega do Credo dos Asasinos, e esta popularidade nace a partir da polémica primeira entrega, loubado por uns e insultado por outros ( máis deste último grupo que do primeiro ), convértese nun claro xogo de culto.

Por qué tanto problema?, pola incuestionábel reiteración das misións do primeiro Assassins. Calquera que xogase a este título non pode negar a nula variedade durante as once horas que che pode durar o título, é decir, buscar información, atopar obxectivo e eliminar obxectivo, e isto durante absolutamente todo o xogo.

AC2 2

Ubisoft, consciente, pero non recoñecedora deste erro comeza a crear a segunda parte,e a decir verdade o conto cambiou bastante. A historia lévanos ao Renacentismo, e na pel de Ezio Auditore, recorreremos Florencia, Venecia e outras cidades recoñecíbeis ( incluso se nos ofrece información sobre os lugares máis representativos ). Continuamos pertencendo a un grupo elitista de asasinos, pero lonxe de converterse na reiteración da primeira parte, optan por un estilo máis… GTA. Explícome. Agora no mapa indícanos os lugares aos que temos que ir para que diferentes personaxes nos ofrezan misións, por suposto remunerados, e todos para chegar a un obxectivo principal, o asasino da nosa familia. Así, manténdose a xogabilidade da primeira entrega ( en ocasións incómoda ), percorreremos tellados, cúpulas, e outro lugares nada apropiados para xente con vertixe. De feito, isto é algo que se mantivo intacto, polo tanto verémonos obrigados a subir ás míticas Atalaias, que nos servirán para descubrir novos obxectivos, misións secundarias, etc. Si, por suposto baixaremos delas co tan coñecido salto de fe.

AC2 3

Todo é moito máis complexo nesta segunda entrega, non abonda só con avanzar, de feito podemos visitar as tendas das cidades para mercar novo equipo, armas, vestimenta, medicamentos, etc, etc. Xa vedes que algo si que melloraron respecto á primeira entrega, agora tes moitas máis opcións. Estas novas opcións veñen respaldadas con novos movementos ( agora poderemos nadar, usar dúas coitelas á vez , lanzar area aos ollos dos inimigos, granadas de fume, incluso teremos a posibilidade de utilizar unha pistola, e sen esquecernos de moitas máis armas brancas, desde lanzas, martelos, mazas… ), tamén melloran os vehículos, xa que lonxe de conformarse coa única utilización de cabalos, desta volta poderemos usar carruaxes, barcas e incluso un aparello voador que nos permitirá ter unha visión aérea de Venecia.

Como vedes case todo está mellorado, porque hai algo que me segue sen  gustar de Assassin´s Creed e non é outra cousa que o ritmo tan pausado de xogo. Cada vez que comezas a xogar redúcenche as ganas o comprobar que despois de dúas horas de xogo apenas avanzaches da introdución, pero non só isto, xa que en plena misión de asasinato dache a sensación de estar nunha misión secundaria, e haber se nos entendemos e non entramos en vulgaridades, refírome que un videoxogo tenche que transmitir diferentes sensacións, e canto máis complexa máis en tensión debes estar, máis atento e con máis nervios, algo que non acontece aquí, xa que o ritmo das misións son idénticas, e para mín é algo que non se debe perdoar. Quizáis nas misións que máis emoción teñen son nas secundarias de carreiras, nas que debes chegar a un punto nun límite de tempo, aquí polo menos pos algo de emoción.

E falando de misións secundarias, este xogo tamén está cheo, non só misións de carreiras, asasinatos, roubo, etc, xa que lonxe de conformarse con poñer na primeira entrega duascentas e pico bandeiras ( non recordo o número exacto ) para atopar ( detalle bastante criticado), neste temos para buscar  e atentos, 330 tesouros, 100 plumas e uns 20 glifos escondidos por todo o mundo, aí é nada.

E para engadirlle máis conceptos, tamén teremos que restaurar unha vila enteira mercándolle obras artísticas que favorezan o  turismo, renovando edificacións, etc, etc. Como vedes, o amplo número de accións que podemos facer á marxe da trama principal, fan que a súa duración aumente de forma pronunciada, e diso este xogo non ten problema, porque facendo todo pode superar ás vinte horas facilmente.

AC2 4

Fáltame por falar do apartado técnico, pero sospeito que todos sospeitamos o resultado, xa que se na primeira entrega os gráficos foron os únicos alicientes que o elevaron ao estrelato, nesta non se vai quedar atrás e volve plasmar cidades completamente vivas e cheas de detalles, pero debemos facer alusión ao problema que inflúe en todos os títulos desta xeración, as secuencias de vídeo. Se coa PS2 flipabamos con estas secuencias, pero sabendo que o apartado real ía ser moi inferior, agora sucede o contrario, as secuencias de vídeo pecan dunha simpleza aplastante, con enormes erros gráficos e pouco detalle, e isto é xustamente o que pasa nesta segunda entrega de Assassin´s Creed. Polo demáis, a pesar de algo de popping, todo se mantén a un nivel moi alto. Falando da banda sonora , debo decir que non se compenetra coa época na que estamos, pero déixase escoitar, e neste apartado vou contar unha curiosidade, xa que para os que vexades a xenial serie Padre de Familia, Stewie pon a voz en moitos personaxes de Assassin´s Creed 2, así que non vos sorprendades se camiñando por unha cidade recoñecedes esta peculiar voz.

Rematando, xa vedes máis ou menos o que hai, sí, aumentaron o nivel e a variabilidade, pero para min que seguen tropezando na mesma pedra, o ritmo pausado e lento das misións, que fai que o xogador non se sinta atrapado pola historia, e se isto non acontece…

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario