Por moi mal que me fixesen pasar a porquería de instrumentos do World Tour , sempre tiven certa debilidade por esta saga musical, e aínda que non comparto a idea de Activision de facer un copia e pega en cada título de Guitar Hero, sen engadirlle practicamente ningunha innovación, sempre acompañei a esta saga desde a segunda entrega.
Agora, pretenden darlle un certo xiro á constancia da estratexia e arríscanse cunha nova versión, e desta volta deixan a un lado as guitarras, baterías, etc, e adéntranse no mundo dos DJs. Eu estiven durante un bo anaco probando este título , e o primeiro que me chamou a atención foi o periférico. Continúa o plástico peculiar de todos os instrumentos anteriores ( sobre todo na batería ), pero o disco de distorsión compleméntase cun material bastante agradábel , dándolle así un modelado máis profesional.
Algo do que se agradece de DJ Hero, é precisamente a obrigación de empezar de cero, non vale iso de , “como xa xoguei a todos os Guitar Hero anteriores, pódome afrontar a este título, que a mecánica é a mesma “, asegúrovos que isto non vale, comprobado.
Por suposto, a temática é moi similar, vemos caer notas en pantalla e debemos pulsar o botón correspondente no momento adecuado, aínda que a diferenza dos anteriores títulos, só temos tres notas, pero tranquilos, que a dificultade está moi presente no videoxogo. E por qué é difícil?,porque aínda que só haxan tres notas temos que levar a cabo máis funcións, mover o disco de distorsión da forma adecuada e no momento adecuado ( preméndo ao mesmo tempo os botóns correspondentes ), dirixir a línea de son coa man esquerda, (exemplo : cada vez que pulsamos un botón correctamente, unha línea de luz parte desa nota, este luz deberémola dirixir á esquerda, o centro ou á dereita dependendo do carril da nota que se nos amosa en pantalla.), distorsionar o son cando se nos indique…
Se lle engadimos que todo isto terémolo que facer ao mesmo tempo para que a peza soe correctamente, teremos un reto ante nós, sobre todo en dificultades superiores.
Quizais as cancións non teñan tanta forza como nos Guitar Hero ( iso que me gusta o Hip Hop ), pero enganchan dunha forma familiar, tan familiar que me recorda a miña primeira vez que probei o Guitar Hero.
Como dixen, gústame a idea de ter que empezar de cero nun título destas características, que xa estaba farto de pasarme moi rápido cada título de Guitar Hero que adquería, e isto é normal, xa que unha vez que controlas máis ou menos a guitarra, as cancións sáenche, e de feito os mellores recordos que teño de Guitar Hero foi no meu período de aprendizaxe. A primeira vez que fixen cinco estrela en modo experto flipei.
Aínda así, súrxeme unha dúbida con respecto ao DH Hero. Será máis doado controlar a “mesa “ de DJ, que controlar a guitarra?. Eu recordo que pasei meses viciándome ao Guitar Hero , porén , aínda que a primeira impresión do DH Hero é a súa dificultade, pronto lle fun collendo o tranquillo ( nunha dificultade moderada por suposto ), e conseguín tocar algunha peza que soaban bastante ben, e iso que era a primeira vez que me afrontaba a este título.
En fín, aire fresco ( deixémolo en aire semifresco ), que Activision nos ofrece, pero machacando a mesma temática conseguen unha cousa, enganchar.