Desafortunado contacto con Gran Turismo Mobile

Por: Domingo, 25 de Outubro de 2009

portada gran turismo Non veño aquí facer un análise do xogo, porque non o rematei, non cheguei ao final, e mentras non se exprima un xogo ata o seu clímax final non se debe facer unha crítica formal, así que, voume adicar a explicar o por que do meu abandono cara un xogo que se leva falando del desde anos.

Unha vez que encendes a consola e cargas o título, atópaste coa típica secuencia espectacular, cousa que deberías desfrutar pero non confiar, porque na maioría dos casos , este vídeo introductorio supón a fin da calidade do resto do xogo. É cando rematas de ver esta introdución cando realmente te atopas co real do xogo, cunha interface seria e adulta que che fai prever a enorme calidade que emite o título.

Como sempre, ou polo menos no meu caso, diríxome ao apartado de tutoriais para afacerme ao control, movementos, trucos, etc. A miña valoración ?, a saga continúa no seu punto ( algo que se agradece ), cunha xogabilidade doada de manexar pero extremadamente difícil de perfeccionar ( e isto deberíase facer para desfrutar completamente de calquera título de Gran Turismo ). Aínda que poñéndonos “quisquillosos” , case me atrevería a decir que rebaixaron un chisco a dificultade en relación con xogos anteriores. O apartado técnico está ao nivel que todos esperaban,  é decir, moi alto, sen relantizacións ( polo menos ata onde xoguei eu ), detallados escenarios e coches que simulan a realidade de forma moi correcta. O problema do apartado técnico, o de sempre, ausencia de sistema de danos, que aínda que o queren remediar no Gran Turismo 5 ( cousa que dubido como se amosa neste vídeo ), neste aínda teremos que ver como o coche queda intacto despois dun golpe contra algún muro de protección, parede, árbore, ou o que sexa. Con respecto ao apartado sonoro ten algo ao seu favor, e é a posibilidade de escoitar as nosas cancións que temos gardadas na memoria da PSP mentras competimos nalgunha carreira.

Pero todo isto para que?, pois para nada, porque peca no máis elemental, no obvio , no que menos pensei que podería fallar un xogo destas características, e refírome á ausencia total de Modo Carreira. Como merda poden facer isto ?, en que están pensando?. A única especie de Modo Carreira é o tutorial, xa que tes que ir avanzando e realizando as probas que che indican, como adiantar a tantos vehículos nunha soa volta, aplicar un rebufo para realizar un adiantamento, e miniprobas similares que non substitúen de ningunha maneira a un Modo Carreira decente. A parte disto danche a posibilidade de realizar carreiras independentes, ben sexan de contrarreloxo, carreira normal contra outros catro competidores ( cunha intelixencia artificial limitada ) ou derrape.

E como queren que nos enganche este xogo sen un modo Campeonato como sería normal?, é decir, emprezar desde cero e ir competindo pouco a pouco contra outros mentres a dificultade se acrecenta progresivamente. Isto sería o máis normal, pero nada…

Pero o que non comprendo é porque a pesar disto, este título segue recibindo expléndidas críticas de case todos os medios, e se o propio título non incita ao xogador a continuar, como queren que sexa un bo xogo ?. A miña decepción foi tal que deixeino de xogar ás poucas horas vendo como o aburrimento invadía o meu organismo.

É fodidamente imperdoábel o que fixeron, eu non o paso por alto e ninguén debería, que por moita fama que teña a saga Gran Turismo hai que saber cando fan “chapuzadas” e cando non, e a sobrevaloración nos videoxogos está á orde do día, pero eu intento alonxarme desta tendencia, polo que xa debedes saber a que apartado vai ir parar este Gran Turismo Mobile.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario