Análise de Halo 3 : ODST

Por: Mércores, 23 de Setembro de 2009

halo odst A saga máis prolífera de Bungie volve nunha continuación do Halo 3, pero desta vola hai un cambio bastante significativo, non controlaremos ao habitual Xefe Maestro, en ODST dannos a posibilidade de manexar a un pelotón completo.

halo odst 3

No momento que comecei a xogar, xa me din de conta dun detalle, para min un erro, un erro que xa tiveran no Halo 3 e que non souberon amañar, estoume referindo ao apartado gráfico. Na secuencia introductoria aprécianse uns personaxes “abonecados” e dotados duns movementos irregulares. Esta escasez gráfica vólvese facer patente no xogo real, con texturas demasiado lisas e fondos moi pouco traballados. O único que está á altura son os efectos de luz e a plasmación das chamas, o contrario da auga, que vai por deus…

Si, o motor gráfico é o mesmo que o anterior Halo, pero tiveron tempo suficiente como para melloralo, pero non o fixeron, e isto conleva a un apartado gráfico normaliño, normaliño.

Conscientes de que os gráficos non o son todo, dispúxenme a continuar co título. Desta vez deixamos atrás as frondosas selvas que aparecían no Halo 3, e metémonos de cheo nunha cidade. Así, armados coas típicas armas do universo Halo ( se xogastes aos anteriores saberedes a cales me refiro ) atrevesaremos estes paraxes eliminando a todos os inimigos que vexamos, para chegar xunto aos nosos compañeiros. Aquí está o mellor de este ODST, a línea argumental, xa que primeiro estarán todos os membros do grupo dispersos ( por mor dun accidente ), e terémonos que dirixir aos puntos remarcados para atoparnos cos nosos aliados e fuxir do planeta. Así, cando chegamos ao noso destino e vemos unha arma rota, un casco tirado, ou calquera parte da indumentaria dos nosos amigos, entraremos nunha especia de flashback, para saber o que lle aconteceu aos nosos compañeiros nesa zona.

halo odst 2

Como novidade nos combates, xa non teremos as habilidades do Xefe Maestro, polo que non teremos tanta resistencia, nin pensedes que poderedes pegar eses enormes saltos que facía o anterior protagonista 8 que non me gustaban en absoluto ). Estes son soldados normais, con armadura e armas, eso si, o casco ten incorporado un pequeno sistema de visión nocturna, que ademáis, permítennos identificar aos inimigos, puntos de interese, etc.

A dificultade mantívose máis ou menos igual, é decir, bastante limitada e sinxela, impedíndonos así quedar atrancados en determinados lugares, aínda que para min isto non é nada bo. Onde estarán esos xogos nos que morrías centos de veces, ata case momorizar a localización de cada inimigo?, supoño que ese tempo quedou atrás, agora todo é moito máis fácil, por iso non logran que nos sintamos tan satisfeitos ao rematar os xogos de agora. Aínda recordo cando pasei o primeiro Devil May Cry, era difícil, pero sentíaste deus cando conseguías pasar das fases e situacións máis complexas. Este Halo 3: ODST, podédelo pasar en modo difícil sen problema.

Para aumentar a variedade das situacións, continúan incluíndo as fases enriba de vehículos, e aquí hai moito que falar. Cando nos referimos a vehículos aéreos, non lle poño ningunha pega, pero cando nos subimos aos coches, aquí si que hai que comentar. O coche en cuestión parece que non pesa absolutamente nada ( tanto que existe un botón para darlle avolta ), xa que a mínima explosión, o coche tornarase virado. O control é do máis impreciso que podemos atopar e qué decir da intelixencia artificial dos nosos compañeiros, se conducimos nós, eles situaranse na torreta e disparán aos inimigos. Perfecto. Pero se decidimos coller nós a torreta, comezarán andar de forma indeterminada, e isto parece bo, pero chocarán con todo o que topen no seu camiño, e se quedan entalados nalgún determinado lugar, quedarás exposto ás balas inimigas, xa que a marcha atrás, a máquina parece que non sabe o que é.

halo odst 4

A banda sonora está ben relacionada coa historia, pero principal mención ten a que acompaña á historia do Novato ( un dos protagonistas ), cun estilo triste e melancólico, que nos fai sentir como se estivesemos sós no mundo, xusto como se sente o protagonista.

Concluíndo, xa o Halo 3 non me parecera a inmensa maravilla que pintaban en todos os medios, revistas, publirreportaxes, e idioteces similares. Simplemente un xogo pasábel, exactamente coma este. Un xogo pasábel.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario