O debate das calificacións numéricas

Por: Xoves, 17 de Setembro de 2009

numeracions

É sinxelo atopar discusións sobre este tema. Unhas páxinas apoiando e xustificando as críticas e valoracións numéricas, e outras afastándose destas numeracións e recalcando o visionamento do análise completo.

Pero por qué a inmensa maioría analizan mediante números?, e resposta é ben clara, comodidade. Cando miramos nalgún medio que fan o análise dalgún videoxogo, a maioría pasa por alto o texto enteiro, por que?, porque aínda que pareza mentira, ler custa bastante, tanto que a maioría da xente aplica a súa contradicción de humano racional deixándose levar simplemente por debuxiños, ou neste caso, números. E qué obtemos con isto?, unha opinión  ou resumo do videoxogo moi incompleta, e na absolutamente maioría dos casos, errada.

Puntuar correctamente un proxecto é unha ardua tarefa, salvo que fagas como o noventa por cento dos medios que nos rodean, que califican calquera videoxogo de oito para arriba ( aínda que nestes casos, deixamos de falar de análisis e entramos no mundo das publirreportaxes, cada vez máis famosas e usadas ). Só digo que é imposíbel resumir cun número todo o relacionado cun dos apartados do título. Poñamos un exemplo. Pensemos que nun dos tantos análises que vemos , apareza nun xogo, un nove no apartado de gráficos. Qué significa isto?, podemos pensar con toda a certeza que estamos a falar dun apartado gráfico moi bo?. Eu creo que non. Calquera que lea esta numeración pode crer que a nitidez e texturas serán de sobresaínte, pero existen moitas máis variábeis neste apartado que non se comentan, é dicir, ao mellor as texturas cambian dependendo dos escenarios, poden aparecer pequenos momentos de “clipping”, en determinados momentos do videoxogos podémonos atopar co incómodo “popping”, e moitas máis cousas que só se poden describir con palabras, non con números.

Isto conleva á mala interpretación de títulos, porque , se ves que un dos xogos que tantas ganas lle tiñas, estano calificando cunha nota inferior a sete ( por poñer un exemplo ), compraríalo?, eu desde logo que non. Sen embargo, se a este mesmo título lle les un análise completo, observando os puntos negros e as súas virtudes, sempre podes pensar se che pode ser conveniente ou non.

Agora estaredes pensando, pero non te das de conta que antes de puntuar un videoxogo sempre o analizan?, e eu a esta pregunta contestaríavos, estades seguros?. Vale, non digo que non fagan unha pequena crítica, pero desde logo que esta sempre queda a un segundo plano, perdón, sempre queda a un terceiro plano, que as imaxes están antes. Neste apartado podemos poñer como claros exemplos a todas as revistas de videoxogos que saen ao mercado. Tres páxinas cheas de fotos e imaxes do videoxogos, e entre estas, ben camufladas ( ás veces aínda deberían estar máis camufladas, porque coas chorradas que se len ) aparecen non máis de tres párrafos de análises, e ao final de todo, unha enorme calificación numérica.

A culpa téñena os lectores, que desprezan o que deberían ler e quédanse simplemente co prescindíbel. Polo tanto , vexo normal que as empresas que se adican a isto se manteñan fieis ás calificacións numéricas. Pero en moitos casos, chegamos ata o punto de engano, porque en realidade non nos amosan o que realmente imos atopar nun videoxogo, simplemente nos ofrecen un producto, dito producto será clasificado de notábel para arriba ( non se van tirar pedras contra o seu propio tellado?) e amósannos imaxes, case sempre de grandes escenarios ou das propias secuencias de vídeo para que o lector pense, na maioría dos casos, o que non vai atopar.

Eu teño ben claro, prescindir totalmente das numeracións. Plasmo o que vexo en cada título e especifico os puntos negros e os detalles que merecen a pena ser mencionados. Porque por moito que nos intenten contradecir en centos e centos de medios, todos os videoxogos contarán con múltiples erros, de maior ou menor importancia, pero sempre estarán presentes, e estos son os que se debería de informar aos lectores para que barallasen a posibilidade de adquirilo ou non. Pero claro, aquí entramos nun mundo totalmente diferente e ao mesmo tempo ligado a es tema, a obxectividade, pero vou prescindir de falar dela, porque se non cabrearíame con tanto inútil que se deixa levar polo “hype” dos videoxogos.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “O debate das calificacións numéricas”

  1. Anonymous di:

    saúdos, amigo,
    o cd mola, especialmente o romance do santo,
    em quanto poida envio-che o conto que escrebim sobre um video-jogho, a ver que che parece,

    venha. umha aperta,

    mola o blog

    séchu

  2. skaltum di:

    Estarei encantado de botarlle unha ollada á túa creación.
    Por certo, referente ao cd, deberíasnos de ver en directo, creo que montamos bastante máis festa que transmite o disco.

    Espero que nos vexamos ( polo menos lernos ) máis a miúdo.

    Saúdos.

Deixar un comentario