Desde sempre quixen probar este xogo, ben sexa porque comparaban a súa xogabilidade co do Gears of War, ou porque as imaxes que amosaban paracíanme boas de verdade. Anos despois, consigo dito título e a miña valoración, a continuación.
O argumento non é do máis orixinal, é máis, volve incidir de forma clara nos tópicos das mutacións, é dicir, un virus pode contaminar toda a humanidade convertíndonos en mostros por culpa dun desequilibrado mental. Nós sufrimos ese contacto do virus e mutamos, sen embargo, a mutación non é total, e o único cambio no noso organismo é no brazo dereito, o cal é substituído por unha especie de “boomerang” que poderemos lanzar aos inimigos. Por suposto, teremos que parar esta pandemia mundial e reventarlle a cabeza capturar ao tolo que pretende cambiar todo o planeta.
O control colle pinceladas do Gears of War, por exemplo no de cubrirse con só premer un botón, correr mantendo pulsado un dos outros botóns e disparar en terceira persoa mentras a cámara está enriba do ombreiro ( para darlle máis espectáculo ). Son similitudes claras co impresionante xogo de Epic Games, pero ata aquí os seus parecidos, o resto a inferioridade de Dark Sector é total. Non hai que pensar moito para percatarse de que o principal aliciente do título é o control do “boomerang”. Con este avanzaremos escenarios cheos de inimigos ( ben sexan humanos ou mutados ), lanzándollo continuamente e usando ao mesmo tempo unha das armas que nos permite o xogo. O noso “boomerang” poderémolo convinar con elementos como lume, xeo ou electricidade, dándolle así máis variedade no desenrolo e obrigándonos a buscar ditos elementos para abrir determinadas portas ou eliminar grandes inimigos de forma máis doada. Ademáis, a medida que resolvemos misións e avanzamos na trama, imos conseguindo habilidades exclusivas do noso protagonista como un escudo ou invisibilidade.
Polo demáis é todo bastante similar, avanzar e avanzar eliminando todo o que se move, con pequenos momentos no que poderemos manexar un robot ( aínda que se queda só nunha simple curiosidade ). O mellor de todo son os monstros finais, máis que nada polo seu deseño e espectaculariedad, porque a dificultade non é nada abrumadora ( igual pasa no resto do xogo ).
Pero Dark Sector conta cunha multitude de erros que reducen de forma clara a calidade do xogo. A intelixencia artificial dos inimigos é demasiado limitada, tanto, que poderedes estar detrás deles disparándolle e non se inmutarán. No apartado técnico temos que mencionar que loce uns efectos de luz moi bos pero combinado cunhas texturas demasiado lisas fan que o resultado final sexa “normalecho”. E nas secuencias de vídeo sufrimos unha degradación gráfica clara, como sucede en moitos xogos desta xeración, as secuencias son inferiores ao resto do videoxogo, algo que non se debería consentir.
A verdade, pensei que o título ía ser máis divertido, pero a monotonía das misións reduce as ganas de avanzar. Un xogo que non destaca en ningún apartado. Será polos anos que ten?