Análise de Batman: Arkham Asylum

Por: Mércores, 9 de Setembro de 2009

batman 0 Non saio do meu espasmo. Todos somos conscientes do que pasa cos personaxes famosos de cómics, libros, etc. Aproveitan o seu nome, sobradamente coñecido por todos, para participar en novos proxectos, ben sexa filmográficos ou interactivos. ¿O resultado?, lixo camuflado en doses de publicidade, que se aproveita da inconsciencia dos seus seguidores , e así gañar aínda máis diñeiro.

Pois ben, algo pasou, algo realmente extraño pasou. Non sei se estamos chegando á fin do mudo ou se se producíu un novo fallo en Matrix, pero Batman alonxouse desta norma, e despois de facer unha sobresaínte entrega filmográfica co “Cabaleiro Escuro” ( se aínda non a vistes correde a por ela ), chéganos Arkhan Asylum, novo videoxogo do home morcego.

batman 1

Non, non pode ser, Batman non pode protagonizar un xogo impresionante, aínda non o creo, aínda que mirando os vídeos e tráilers a cousa pinta realmente ben, pero non, non pode ser. Supoño que seguirá a estela de Spiderman, X-men, Iron Man, etc, todos eles, xogos bastante malos.

Isto é o que pensaba eu fai unha semana, antes de pasar Arkham Asylum, e só teño que decir unha cousa: incrédulo de min.

Por fin, o extravagante Joker foi detido polo Cabaleiro Escuro e trasladado ao psiquiátrico Arkham Asylum. Alí non tardará en escapar dos seus opresores e facerse co control total do lugar, e adiviñade quén terá que pararlle os pes ao Joker, pois claro, Batman.

Aquí comeza a nosa aventura. Controlaremos a Batman nunha perspectiva en terceira persoa e recorrendo os máis recógnitos lugares desta penitenciaría en busca do malévolo “Comodín”. Nos combates utilizaremos técnicas corpo a corpo, con movementos de evasión, contraataque , agarres, etc. Claro que o conto cambia cando os inimigos están armados, xa que sería un suicidio enfrontarse corpo a corpo con estes, pero tranquilo, temos como mellor arma, o sixilo. Como é característico de Batman, teremos na nosa disposición os gadgets máis modernos para avanzar na historia. Algúns contaremos con eles desde un inicio, outros, daránnolos en determinados puntos. Así, grazas a nosa zarpa de agarre, poderemos subir a calquera lugar, imprescindíbel para atacar sixilosamente desde as alturas.

batman 2

Pero non pensedes que o único gran inimigo é o Joker, no psiquiátrico tamén se atopan outros coñecidos do noso protagonista como Hedra, grande manipuladora das plantas, o Espantallo, creador do gas do medo ou o enorme Crocodilo Asasino. Todos eles complicarán a situación de Batman. Outra das grandes virtudes do título, son as misións secundarias, puzles que teremos que atopar en todos os escenarios creados por Enigma, outro clásico de Batman. Crédeme cando vos digo que pasaredes moitas horas buscando estes puzles, algúns estarán á vista, pero para otopar e resover outros, teredes que facer uso da visión de Batman, que nos indica lugares secretos, número total de inimigos dos escenarios, se están armados ou non, búsqueda de pistas, etc. Un xogo bo defínese polos detalles que nos ofrece, e este está cheo deles.

Con referencia ao apartado técnico, non se queda atrás grazas a uns gráficos impresionantemente detallados, escenarios cheos de detalles e inimigos perfectamente caracterizados e con texturas realistas. Merece facer alusión á física do título, sobra con fixarse nas ondulacións da capa do heroe, nas caídas dos personaxes, papeis voando se pasas por enriba deles, perfecta. A doblaxe é perfecta, mesma voz de Batman que na película por certo, e cunha banda sonora que se adapta perfectamente.

batman 3

Pero Arkham Asylum aínda da un paso máis, porque os diálogos son realmente impresionantes, de matrícula. Escoitar as conversacións extravagantes do Joker ou as explicacións que da o Espantallo a súa tolería, son verdadeiramente entretidos e coherentes con toda a historia que estamos viviendo con noso protagonista.

Buscando puntos negros neste título, ocórreseme o sistema de búsqueda, xa que moitas veces, teremos que retroceder os nosos pasos para chegar ao noso novo obxectivo, ademáis o sistema de loitas é bastante simple. A decir verdade, tampouco me gustaron os “desafíos”, retos alleos á historia principal que nos propoñen superar diferentes probas. Non sei, fáltanlle alma, ademais se queres conseguir todos os logros ou trofeos veraste na obriga de pasalos de diferentes maneiras. A verdade, estaría moito mellor que os logros ou trofeos se adquirisen todos dentro da aventura principal, e non só neste título, estoume referindo a todos en xeral.

Como vedes, o título é espectacular, cun guión digno do mellor filme, unhos gráficos impresionantes e unha diversión contínua. A verdade é que nunca me esperei que un xogo dun superheroe chegase a esta calidade. Obrigatorio.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario