Análise de O profesor Layton e a Vila Misteriosa

Por: Martes, 1 de Setembro de 2009

portada profesor layton Son consciente de que o 99 coma infinito por cento dos xogos de Nintendo DS son pseudo-proxectos adicados específicamente para xogadores hipócritas , e que na maioría dos casos, aproveitanse da inocencia infantil para vender eses títulos bazofia.

Pero como sempre pasa, de entre tanto lixo sempre se atopa algo de proveito , e neste caso algo verdadeiramente bo. O título que nos segue non é outro que o xenial Profesor Layton, primeira parte dunha futura triloxía ( a segunda está a punto de chegar), e creado polos non menos xeniais Level 5.

profesor layton 1

O título ponnos na pel do propio profesor Layton e do seu aprendiz , que chegan a unha vila para investigar a morte dun dos seus veciños. E aquí a verdadeira innovación do xogo, xa que para dar co presunto autor do crime teremos que recorrer toda a vila resolvendo ata un total de 130 puzles. Dependendo dos puzles, atoparémonos cunha dificultade levadeira, ata puzles imposíbeis, destes que canto máis pensas o resultado , máis lonxe estás de dar coa resposta correcta. Cando se nos atranque algún destes problemas ( e podedes estar seguros que se vos atrancará máis dun ) podemos botar man das tres pistas que temos dispoñíbeis , por suposto, por cada pista teremos que pagar unha moeda. Aquí está outro dos puntos fortes do videoxogo, o control é propio dunha aventura gráfica, é dicir, veremos un escenario na pantalla e tocaremos co stylus o que nos pareza máis relevante, así atoparemos puzles escondido en pequenos recunchos , falaremos con todos os personaxes que nos atopemos, descubriremos moedas agochadas nos máis impredecíbeis lugares, etc.

A medida que resolvamos puzles, avanzaremos na historia, a cal nos manterá atentos a cada detalle grazas a un argumento con xiros argumentais, e un final totalmente inesperado, que agradeceredes notábelmente, (porque supoño que xa estaredes bastante cansos deses finais predecíbeis desde os primeiros vinte minutos de xogo). Ademáis, cada habitante da misteriosa vila ten unhas características propias e conta cuns diálogos bastante irreverentes ( sobre todo nalgúns casos ).

profesor layton 2

Se nos remitimos ao apartado técnico, as loubanzas quédanse curtas. Uns gráficos, estilo anime e uns escenarios rebosantes de detalles por todos os lados , fan que a nosa vista estea cómoda en todo momento. E como cumio, a banda sonora ( aínda que bastante melancólica ) sumérxenos de cheo na aventura.

Como misión secundaria, se se lle pode chamar así, podemos recolectar accesorios para as habitacións dos nosos protagonistas. E como conseguimos estes accesorios?, pois resolvendo puzles, así, cantos máis puzles, máis obxectos recolectamos. O mesmo acontece co puzle misterioso. Atoparemos diferentes problemas que unha vez que atopemos a resposta correcta, entregarannos unha peza dun puzle. Cando consigamos todas estas pezas e as coloquemos na orde adecuada, conseguiremos ver a imaxe do puzle. Son métodos simples pero eficaces para incitarnos a buscar e resolver todos os puzles.

Se hai que decir algo negativo deste título, é sen dúbida a inmensa dificultade dalgúns problemas que nos suxiren. Daraslle voltas á cabeza, mercarás todas as pistas, seguirás dándolle voltas á cabeza, e aínda así, moitas veces teredes que abandonar . Crédeme, a dificultade dalgúns puzles é verdadeiramente alta, pero pensando ben, se cadra, é aquí onde recae a verdadeira alma do Profesor Layton e a Vila Misteriosa.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Análise de O profesor Layton e a Vila Misteriosa”

  1. An di:

    É un xogo caralludo 😀 Saúdos e apertas

Deixar un comentario