Desprazamentos de lecer

Por: Venres, 21 de Agosto de 2009

Por fin cheguei ao meu destino. Alemaña estaba fría e intuía esta continuidade climatolóxica, pero como  sempre acontece aos humanos, as miñas ganas e espectativas sobre aquel lugar superaban a calquera inconveniente ambiental. As palabras resoban na miña fráxil mente. Gamescom.

A segunda gran feira sobre videoxogos e a segunda vez que visitaba un destes lugares no que os protagonistas eran píxeles mimetizados en títulos interactivos. Pero cando me situei xusto enfronte do local onde se celebraba esta xuntanza , non o puiden evitar, non puiden evitar rememorar o sucedido no anterior E3.

“Por fín nos Ánxeles, por fin comprobarei de primeira man todo o que se coce neste feira. Recorrín todos e cada un dos recunchos do enorme edificio probando en exclusiva as últimas novidades do sector dos videoxogos. Penso que tiven a sorte de catar a inmensa maioría dos títulos presentados naquel lugar, aínda que ben é certo que máis dunha vez a desesperación nas inmensas ringleiras de espera case me frustran o meu propósito, pero, á excepción de moitos, fun paciente.

Todo saía incluso mellor do pensado, todo saía ben ata que comezou a soar a alarma por todo o local. Parece que estaba ardendo unha parte do edificio e o lume propagábase de forma inmediata dun “stand” a outro. A xente comezou a correr e a berrar dun lugar a outro, pero para horror de todos, as portas e as saídas estaban totalmente pechadas con enormes cadeas que bloqueaban e desmoralizaban ás vítimas do interior. O fume xa comezaba facer efecto na miña respiración, e convertinme nun ser clónico aos demáis, berrando e movéndome dun lugar a outro intentando fuxir do núcleo das lapas. Cando pasaron uns minutos o lume xa ocupaba e abrasaba a meirande parte do local, e os poucos supervivintes que quedabamos , refuxiabámonos apoiados nunha das contadas saídas que quedaban sen estar calcinadas. Non me preguntedes o por qué, pero dentro da miña mochila onde transportaba a miña cámara, os meus permisos e resto de material inútil, había unhas enormes tenazas. Sen pensalo demasiado, rompín as enormes cadeas que nos quitaban a liberdade”.

Non quixen pensar máis o sucedido naquela feira, son dos que penso que os recordos infames débense esquecer , e aínda que isto sexa imposíbel, non se lle debe dar máis importancia da que tivo no momento ocorrido. Sendo así, adentreime na Gamescom.

Comecei a observar todos os vídeos que se amosaban das últimas novidades, e ao terceiro día , como se fose un “dé já vu” , volveu a soar a serea de incendios. Non o podía crer, é máis, non podía ser así. Cando voltei a miña mirada, decateime de que a xente volvía correr dun lado a outro aterrados porque as portas de saída estaban todas pechadas con cadeas. Todo volvía repetirse, pero non perdín máis tempo e abrín a miña mochila.

Despois da miña mirada de incrédulo, axeonlleime no chan e comecei a chorar. Desta volta había algo máis que as enormes tenazas, desta volta tamén había dous recipientes de gasoil baleiros.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario