Análise de Red Faction : Guerrilla

Por: Venres, 24 de Xullo de 2009

Portada red faction Marte, un planeta no que se inspiraron moitos filmes, libros e videoxogos para plasmar as súas pautas argumentais. Desta volta volvemos con Red Faction, pero tranquilos, que teremos as nosas doses de acción frenética, esperabades outra cousa?.

O planeta vermello está sendo terraformada por unha organización dictatorial chamada EDF, todos obedecen as súas ordes, todo está baixo o seu control, a violencia é a lei que utilizan  e as sentenzas a morte son máis que habituais.

Por sorte, existe unha facción revolucionaria chamada Red Faction, os cales lle fan algo de fronte á EDF, e aquí é onde comeza a aventura. Controlamos a Mason, personaxe que chega a Marte para non meterse en problemas, ganarse a vida xunto ao seu irmán e levar unha vida máis ou menos tranquila…Non hai que ser moi intelixente para percatarse que isto non vai ser así.

red faction 1

Tan pronto chegamos, o noso irmán ponnos ao día de todo, a situación de Marte,a rebelión de Red Faction, e entréganos a nosa primeira arma, que non é máis que un martelo ( máis ben maza), pero indispensábel para a nosa aventura. Pouco despois o noso irmán morre e quedamos involucrados na guerrilla de Red Faction.

A partir deste punto teremos que levar a cabo todo tipo de misións ata liberar os seis grandes distritos do poder da EDF e poñelos baixo o noso control. Para esta liberación teremos que pasar por varios pasos, un deles é baixar o nivel de control da EDF, e para isto temos que cumplir misións secundarias como destruír edificios importantes desta organización, eliminar as súas publicidades, liberar a reféns etc. Ademáis de diminuír ao máximo este nivel de control, teremos que cumplir obrigatoriamente unha serie de misións, e se o conseguimos, a Red Faction farase co poder do lugar e a EDF terá que abandonar o lugar.

O que parece unha tarefa sinxela, déixao de ser cando nos percatamos do enorme mapeado que temos, e sendo un “sandbox” poderemos escoller a orde na que queremos facer as misións, e asegúrovos que pasaredes moitos tempo nelas. Se optades por levar a cabo simplemente as misións obrigatorias, tedes un xogo bastante longo, pero se vos poñedes a facer todas as misións secundarias, tedes Red Faction para semanas. Desde derrubamentos de edificios simplemente coa axuda da nosa maza (espectaculares efectos de derrubamento), ata misións de copiloto nas cales teremos que disparar a todo o que se poña no noso camiño. Para conseguir saír satisfactorio de todas as misións poderemos usar diversos tipos de armas, que por suposto teremos que pagar ( a moeda de cambio de Marte é a “chatarra”, polo que canto máis destrúas máis “chatarra” consegues e máis armas podes mercar). Temos granadas, lanzamisiles, pistolas, rifles de plasma, nanomáquinas, e se todo falla, podemos axudarnos dos vehículos máis potentes, desde robots similares os de Lost Planet ata enormes tanques que destruirán todo o que se lle poña por diante. A parte de todo isto, a medida que resolvamos misións, os civís e os da Red Faction vanse poñendo do noso lado e axudarannos cando a cousa se pon fervendo.

red faction 2

Aínda que vos pareza que temos moita axuda, decirvos que o xogo non ten a facilidade de tantos outros, sobre todo na parte final, en misións que morreredes bastantes veces , e nin vehículos, nin armas vos valerán de nada se non levades unha estratexia inicial.

Pero chegará un momento no que non vos apeteza facer máis misións, pois tranquilos que Red Faction ofrece unha serie de elementos que che axudará a pasar o tempo por Marte, desde a destrucción dos famosos carteis de publicidade, pasando pola búsqueda de cadáveres de antigos membros de Red Faction e rematando pola destrución de minerais marcianos.

Claro que non todo é bo, xa que a pesar de contar con gráficos excepcionais, a enormidade do mapa fai que os escenarios quedan bastante baleiros, e tendo en conta que pasaremos horas e horas movéndonos por el, ao final acaba cansando tanta semellanza nos escenarios. Ademáis ségueme sen gustar o control dos vehículos (por qué cando se trata dun shooter, o control dos vehículos sempre é bastante brusco?).

Por outro lado, a lonxevidade do xogo ben dado a custo de algo, da repetición das misións secundarias, si, ten moitas , pero varían moi pouco entre unhas e outras, e isto é un factor que lle resta bastante emoción.

Outro punto negro é o seu argumento, simplemente con ler isto, xa todos saben o que vai pasar co EDF. As compañías deberían apostar máis por un argumento complexo e impredecíbel,que polos tópicos de sempre.

Xa vedes que o título ten os seus puntos fracos, pero hei de recoñecer que non me aburrín nada xogando a Red Faction, e atopar un xogo longo e cunha dificultade axustada nos tempos que sufrimos é unha tarefa bastante complexa, polo que xa merece o meu respeto.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario