Gameplay de Soul Calibur : Broken Destiny

Por: Domingo, 5 de Xullo de 2009

Desde a páxina Gamingbits chéganos un par de vídeos in-game do próximo Soul Calibur para a PSP, para deixarnos ben claro ata que nivel chegará este xogo de loitas.

Neste primeiro vídeo amósannos diferentes loitas de personaxes bastante coñecidos por todos, pero o que realmente sorprende é o nivel gráfico que acada. É verdadeiramente incríbel que conseguisen adaptar tan ben estes gráficos á portábel de Sony. Se fai uns anos nos amosan este vídeo e nos dín que é dunha consola portábel, supoño que ninguén o crería. Polo resto parece bastante similar á última entrega das consolas maiores, loitas espectaculares, combos que desafían á gravidade, fenetismo absoluto,etc.

No segundo vídeo fai alusión a un loitador que será exclusivo de Broken Destiny e supoño que xa é coñecido por todos: Kratos. Podemos comprobar que ao espartano dalle igual repartir golpes no fondo do inframundo como nun escenario de Soul Calibur e deixa patente algún dos golpes que se poderán levar a cabo coas súas, xa famosas, espadas xemelgas.

O xogo pinta realmente ben, xa que optan por un inmovilismo absoluto, é dicir, copiarán o bo pero tamén copiarán o malo, polo que todo quedará igual, haberá uns que sigan preferindo o Tekken e haberá outros que se queden co Soul Calibur. Eu pertenzo a este último grupo.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario