portada

Todos somos conscientes de que a cantidade de xogos que saen para a DS non son proporcionais coa calidade destes. Pero claro, entre tanto restroballo sempre aparece unha grata sorpresa, e cada vez que sucede isto, é mellor aproveitala, xa que non saberás cal vai ser a próxima vez que te atopes con algo decente.

Como claro exemplo desta teoría, temos o Pluzzle Quest, que aínda que xa é un título antigo, decidín facerlle unha especie de homenaxe na miña Memoria, non sei se é porque te engancha desde un principio, pola maxistral mestura entre rol e puzzle ou pola fermosa historia que nos mostra.

Como en moitos xogos de puzzle, a nosa misión consistirá en unir pezas da mesma cor, neste caso chámanse maná, e atopámonos con catro tipos , vermello ( lume ), verde ( terra ), amarelo ( aire ) e azul ( auga ). Este maná serviranos para poder utilizar diferentes tipos de maxias, desde  maxias de curación, ataque, restauración de maná, etc. Ademáis de unir estas pezas tamén poderemos unir ( en grupos de tres), moedas ( que nos servirán para mercar obxectos), perlas moradas ( empregadas para aumentar os nosos puntos de experiencia) e caveiras, estas últimas son as máis importantes, xa que cada vez que unimos tres destas caveiras infrinximos dano ao noso inimigo.

batalla

Con esta trama comezan todos os combates, primeiro moverá un e despois o contrincante, así teremos que diminuír ata cero a vida do noso inimigo, para isto empregaremos todo tipo de máxias ( estas adquirímolas nunha especie de minixogo na que se nos pide que consigamos un número determinado de maná, no cal fracasaremos se non quedan movementos posíbeis) e unindo caveiras. Cabe mencionar que se unimos catro pezas iguais, agasallarannos cun turno extra, polo que teremos que ter moito ollo nas pezas que imos unir. Como en todo bo xogo de rol, tamén teremos a posibilidade de equipar ao noso protagonista con diferentes obxectos, desde indumentaria que nos protexan de ataques , ata cascos que nos dean maior resistencia ( só son uns exemplos da enorme cantidade de obxectos que temos para elixir), os cales teremos que elixir con criterio se queremos saír victoriosos nas nosas loitas.

pizzle

O que parece a simple vista un desenrolo bastante monótono, é suficiente xogar unha partida para quedar enganchado del dunha forma que moi poucos xogos o conseguen. É impresionante a adición que nos crea o Puzzle Quest.

Porque non pensedes que aquí se remata todo, nin de broma, teremos un enorme mapa que teremos que recorrer sorteando as máis variadas misións ( desde axudar a unha princesa en apuros, ou liberar a toda unha estirpe de dragóns), e aquí está outro dos puntos fortes do xogo, o argumento. En principio, o noso máximo inimigo é o señor da escuridade Lord Bane, pero para chegar a el, teremos que suar, enfrontándonos a centos de obxectivos, cada un adornado cun miniargumentos diferentes. Para recorrer todo o mundo en busca de misións poderemos capturar a seres que nos transporten, desde ratas xigantes ata seres alados ( ademáis cada un otórganos unha maxia diferente), así, visitaremos todas as cidades nas cales nos irán ofrecendo misións ( mencionar que estas cidades poderémolas asediar, é dicir, poñelas a nosa disposición, así cada vez que pasemos por ela , teremos diñeiro extra, aínda que para asediar cada cidade teremos que gañar un combate).

mundo que descubrir cidadela

A medida que avancemos na trama, haberá personaxes secundarios que se unirán á nosa odisea, os cales nos será de gran axuda, sobre todo no referido á obtención de novas misións.

Así, iremos aumentando a nosa experiencia, os nosos puntos de vida, a potencia dos nosos ataques e máxias …

As virtudes deste título non rematan aquí, xa que o nivel de dificultade é un exemplo a seguir. Olvidádevos dos xogos sen dificultade aos que nos ten acostumado esta consola, Puzze Quest, non é un xogo sinxelo, haberá combates os que teremos que repetir unha e outra vez ata conseguir a nosa victoria. Ben sexa porque o nivel de experiencia do contrincante é moi superior ao noso, o noso rival ten un poder moi superior ou porque as súas máxias asoballan ás nosas, ademáis a nós pódesenos pasar a unión dalgún ataque claro, pero a máquina non erra e sempre buscará os mellores ataques ofensivos para darnos caza. Pero esta grata dificultade é algo que se valora nestes tempos, na que os videoxogos se crean para “inútiles-gamers”.

Para rematar, cabe mencionar a tradución e a fantástica banda sonora ( pena que sempre sexa a mesma canción nos combates), que nos axuda a introducirnos aínda máis nun mundo de fantasía, no que os elfos, dragóns e outras tantas criaturas, predominan nun planeta na que a supervivencia é clave.

Con todo isto sobra dicir que me parece un xogo totalmente imprescindíbel para a portábel de Nintendo, tanto por argumento, dificultade , duración e sobre todo, polas cantidade inxentes de DIVERSIÓN que nos agasalla este título. IMPRESCINDÍBEL.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario