Análise de “A conspiración de Bourne”

Por: Mércores, 10 de Xuño de 2009

conspiración

Levaba tempo querendo probar este xogo, simplemente para saber se mantiña o ritmo constante e frenético co que nos marabillou o filme co mesmo nome ( se aínda non a viches , corre insensato!). A resposta e si, o xogo sitúanos na pel de Bourne, un extraño personaxe que non se acorda absolutamente de nada do seu pasado, e cando se percata que ten unhas habilidades características e acentuadas para o combate, e unha organización quere acabar con el, comeza o espectáculo.

Así recorreremos detallados niveis eliminando ( ou evitando) a todos os gardas e sospeitosos, (en forma de flashbacks) mentres revivimos as partes do propio filme, cousa que me agradou consistentemente. Unha pena que o protagonista non fose Matt Damon, como na película, o resultado sería máis satisfactorio.

Hai que resaltar o apartado de batallas, porque sempre que nos aproximemos a un inimigo, Bourne desarmará a esta pobre vítima e entraremos nun modo batalla “un contra un” , así, como se fose un xogo de loitas teremos botóns de golpe forte, golpe feble e cubrirse, coa opción de facer varias combinacións, e mesturado coa inclusión dos Quick Time Eventes, facendo destes combates algo realmente espectacular. Pero, séntalle ben este sistema durante todo o xogo?, non sabería que dicir, xa que a espectaculariedade con apenas dous botóns é resaltábel, pero estes combates rematan por facerse moi repetitivos  á hora de pelexar ( non á hora de mirar). Así quen busque o espectáculo estará encantado, pero quen prefira a dificultade e unha maior cantidade de opcións quedará con ganas de máis.

Nas misións case sempre teremos que facer o mesmo, abrirnos paso  entre todos os inimigos, ben sexa armado e a tiros, pelexando corpo a corpo e empregando a visión Bourne, que nos permite ver con máis claridade aos inimigos, obxetos cos que interactuar, mellor puntería , etc, con excepción dunha fase na que colleremos o manexo dun coche ( si, como no filme), recorrendo as rúas de París e intentando escapar de todos os perseguidores, a base de atravesar edificios, saltos imposíbeis… aínda que a nula degradación dos vehículos ( tendo en conta que chocaremos infinidade de veces), fai que esta fase non sexa o boa que esperamos, así como un manexo, no que nos deixa unha sensación moi baleira. Non parece en ningún momento que estemos controlando un coche de verdade, parce máis ben un xoguete.

Todo isto ben acompañado cun apartado gráfico de luxo (podédesme crer), con persoas que se moven de forma independente polas rúas, deformación dos escenarios polo impacto dos proxectís, sangue e moratóns na cara do protagonista cando recibe golpes e tanto escenarios como personaxes creados cun moi bo nivel de detalle. E como pase en moitos xogos desta xeración, o único pequeno lastre deste apartado son as secuencias cinemáticas que non está á altura do xogo. Aínda así todo loce de maneira excepcional.

Agora chega o momento de mencionar o que máis me frustrou de todo o xogo: a xogabilidade. Xa que o personaxe ( sobre todo cando leva unha arma na man), saca a relucir unha decepcionante lentitude á hora de xirar. Por suposto que te rematas acostumando, pero levarás en todo o xogo esa sensación de inseguridade que non resulta nada positivo no resultado final. O mesmo pasa no sistema de cubertura, que se queres cambiar de posición, veraste obrigado a levantarte e correr cara outra cubertura ( e tendo en conta que estamos no medio de disparos por todos os lados…), deberían ter un sistemas similar ao de Gears of War ou Wanted.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario