Fai un tempo xa deixei claro a miña postura fronte á versión mellorada da DS , e non vou ser menos con esta nova tomadura de pelo que nos ofrece Sony.
Porque realmente, qué nos ofrece esta nova PSP?, absolutamente nada. Opta por un deseño máis pequeno, pero nen sequera foron capaces de engadir o segundo pad analóxico, e mira que obtivo críticas precisamente por este feito. Eliminan os UMDs, por uns míseros 16 Gb, polo que non poderemos usar os antigos xogos a menos que empreguemos un complicado programa. Ademáis, veremos como lle senta a decisión de descarga como único formato de videoxogos, xa que dubido moito que a maioría de menores queiran ter unha consola na que necesiten obrigatoriamente unha PS3 ou PC con conexión online para conseguir algún videoxogo, así como o uso da tarxeta de crédito como moeda, ( moitos maiores non son partidarios das compras por internet), xa que Playstation Network Card aínda non está vixente en Europa.
E tranquilos que reservei o mellor de todo para o final, a nova PSP Go non emprega o mesmo USB que a anterior versión, e qué significa isto?, pois que vos podedes esquecer de todos os periféricos cos que contaba a PSP normal, xa que serán completamente incompatíbeis.
Polo que os auriculares con micrófono, cámara, GPS, cable de vídeo e todo o resto de periféricos quedan totalmente obsoletos con esta nova versión.
Con isto pregunto, vale a pena eliminarlle tantas funcións para engadirlle unha inútil pantalla deslizábel?, a resposta é ben clara. Pero para a xente que aínda quede con dúbidas e lle entusiasme a PSP Go, aclarar que esta nova versión e con todas as súas carencias, custará case o doble que a PSP normal.
A min o prezo da PSP Go paréceme un abuso, pero o cambio de deseño si podería ser un acerto porque permite converter a consola nunha portátil de verdade (ocupa e pesa case o mesmo que un iPhone).
O que está claro é que non está pensada para que a compren as persoas que xa teñen unha PSP, senón para atraer un novo tipo de usuario, pois non é unha nova versión da PSP, senón un produto paralelo (como a Nintendo DS e a Nintendo DSi).
Pero como menciono arriba, a optimización e a diminución do seu tamaño non compensa coa cantidade de carencias que ten.
Por certo, fíxome moita graza os comentarios que fixo onte no programa de tv zoom.net un voceiro de Sony, dicindo que esta nova PSP Go estaba dirixido, en certa parte ás mulleres, xa que a PSP era un aparello case exclusivo de varóns.Eu sigo sen verlle sentido a estas palabras.
Tamén hai que mencionar que a imposibilidade de pirateo (polo de agora) da PSP Go, quitará moitos consumidores, porque sexamos honestos, a piratería está á orde do día e para moitos é un lastre, pero para tantos outros é un incentivo de compra.