A resurrección do E3

Por: Martes, 2 de Xuño de 2009

etrés

Xa sabedes a que me refiro, estes últimos anos anteriores quixeron facer un evento máis serio, máis elegante,máis… todas esas cousas que os “gamers” de verdade non nos importa nin o máis mínimo. O que en verdade queremos é novidades, tensión no ambiente por non saber o que nos van deparar os próximos minutos, espectáculo con cada conferencia que se pronuncie, miles de vídeos e informacións inesperadas, e todo isto parece que se volve a repetir neste actual E3. Os que intentaron calmar e rebaixar o espectáculo da feira, víronse obrigados a baixar a orella e volver aos inicios. Que espavilen.

A primeira das tres grandes conferencias foi levada a cabo por Microsoft, e desde logo puxo toda a carne no asador. Levou a grandes personaxes como ao director de cine Steven Spielberg, que ultimamente se está involucrando en varios proxectos, e opina sobre este mundo a miúdo. Por suposto tamén contou coa presenza do xa grande Cliff Bleszinsky, creador do novo xogo arcade Shadow Complex. Ademáis deu a coñecer proxectos que poden chegar a ser ( ata certo punto) revolucionarios como Project Natal , e presentou vídeos de xogos tan esperados como Alan Wake, Splinter Cell ou Modern Warfare 2. Moitas máis sorpresas deparou a conferencia de Microsoft, que veremos con qué destaca en futuros eventos.

Agora tócalle o turno a Sony e Nintendo, que de seguro traerán grandes sorpresas ( ou iso, ou resignarse ante a cantidade de cousas presentadas pola compañía ianqui), cousa que non creo que lle conveña.

O primeiro en dar a cara será Sony, esta tarde ás oitos en punto, momento no que comezará a súa conferencia. Polo de agora, é seguro que falen da nova PSP Go , da versión Slim de PS3 e de xogos tan esperados como God of War 3 e a segunda parte de Uncharted (esperemos que nos teñan preparado algún gameplay de God of War 3, máis que nada para ter unha idea da calidade que vai acadar). Con todo isto, non hai dúbida que gardan algunha bala na recámara, que chamará a atención dos espectadores. Eu desde logo esperarei tres horiñas para que me saquen de dúbidas e ver se están á altura do acto que fixo Microsoft.

Con relación a Nintendo, é de supor que informen de algo que realmente guste a todos, tanto podería ser un novo Mario ou un novo Zelda ( decántome máis polo primeiro). É o habitual de Nintendo. Claro que tamén lle darán bastante bombo ao periférico WiiMote Plus ( esperemos que non se poñan a xogar un partido de tenis virtual para demostrar a funcionalidade deste trebello, que da anterior vez colou, pero desta…) ademáis dun posíbel WiiFit novo, o rumor da inclusión do HD para Wii ( aínda que está o conto bastante calado) e outras tantas cousas.

Con todo isto, só nos queda esperar e desfrutar deste E3, deste evento que volve aos orixes, desta feira que tanto nos gusta aos que seguimos esta cultura, desta resurrección dun E3 que estaba sendo eliminado e que volve tan potente como na súa etapa de auxe.

 

Edito: Tiven un grave erro, e foi o de dicir que Sony daría a súa conferencia antes de Nintendo.Estaba errado, a conferencia de Nintendo estase a producir nestes intres, e xa sabemos que existirá un Super Mario Bros para wii. Vou continuar mirando.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario