Contacto con Blue Dragon Plus

Por: Sábado, 30 de Maio de 2009

dragón azul

Case todos coñecemos Blue Dragon, un xogo de rol por turnos que saíu para a Xbox 360, no cal participaba o ”gran mestre”  Akira Toriyama. O xogo en sí era bastante entretido, controlando a Shu, un rapaz bastante atrevido e atopándonos con momentos de exploración, acompañado duns combates bastante dinámicos nos cales destacaba a utilización das nosas propias sombras convertidas en dragóns.

Pois quixeron aproveitar o éxito da primeira parte para sacar unha versión portábel para a DS, pero creo que non lles saíu como querían.

Máis que un xogo de rol, parece un xogo de estratexia en tempo real, controlando a todos os personaxes á vez, indicándolle para onde se teñen que mover, a quén deben atacar, etc. Pero o problema non é este, o problema é a INMENSA lentitude que nos atopamos nas pelexas. Cada vez que nos aparezan inimigos ( e aparecen constantemente), poderemos indicar a cada un dos nosos personaxes que ataquen a inimigos diferentes, e estes dirixiranse a eles a paso de tartaruga ata chegar ao seu obxectivo ( moitas veces chega a desesperar xa que algúns escenarios son bastante grandes, ou o mellor son eu que non teño a paciencia suficiente), pero o que sí é verdade é que cada batalla faise eterna, porque ademáis non hai demasiada emoción nin alicientes nelas. Aínda que poidamos invocar as nosas sombras, ou a posibilidade de usar pocións e maxias, segue deixando unha sensación bastante fría.

E se temos en conta que o xogo falla precisamente nas batallas, as cales son constantes en todo o videoxogo… facede vós o cálculo.

É verdadeiramente unha lástima xa que o apartado gráfico está moi coidado ( e salpicado con multitude de secuencias), e conta cun apartado sonoro tan bo como o do primeiro Blue Dragon.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario