Análise de Rock Band: Unplugged

Por: Venres, 29 de Maio de 2009

RB unplugged

Agora que están tan de moda os xogos musicais ( e parece que seguirá por un tempiño máis), só era cuestión de tempo que esta tendencia chegara á portábel de Sony.

Así, respaldado por un par de Rock Bands para consolas de sobremesa, chéganos Unplugged, no cal deixa a un lado os periféricos en forma de instrumentos, quedándonos como única opción, a rapidez e pericia dos nosos dedos para superar todas as cancións.

O desenrolo do xogo é idéntico ao resto dos predecesores, polo que veremos como baixan pequenos rectángulos, os cales teremos que pulsar no momento correspondente e co botón específico ( triángulo, círculo, cruceta arriba e cruceta esquerda, aínda que sobra dicir que se pode personalizar este control). E xusto neste momento é cando vou mencionar a gran novidade do xogo, unha novidade que non me gustou absolutamente nada e que baixou a este Rock Band do podio no que o tiña subido. Xa que durante a canción teremos que tocar todos os instrumentos ( incluído a voz), empregando R ou L para cambiar entre un e outro. Por se non me entendestes ben, teremos que tocar unha porción dunha peza sen fallar, e se o conseguimos, teremos que pasar a outro instrumento para facer o mesmo, e así sucesivamente e con todos, o cal nos deixa un moi regular sabor de boca. Tamén é certo que en certas ocasións tocaremos “solos” de guitarra , batería, baixo ou voz ( si, tamén solos de voz), nos cales nos obrigan a tocar cun só instrumento toda esa parte ( como se fose un Rock Band normal), sendo sen dúbida o mellor do modo historia.

Por se fose pouco, a dificultade non é moi elevada, eu xogueino no modo experto e non me supuxo ningún reto pasarlle todas as cancións, de feito moi poucas notas triples atoparás, aumentando así a simpleza do xogo.

O modo historia de Rock Band consta dunha duración bastante elevada, pero a base de repetir cancións, polo que este apartado tampouco é unha virtude, eso si, neste modo iremos desbloqueando personaxes secundarios que nos conseguirán actuacións, algo a ter en conta, xa que ao mellor necesitas ter a un estilista para facer un determinado concerto, e mentres non o consigas…

Unha vez que rematemos con este modo “aventura”, desfrutaremos dun par de opcións máis. Un modo Supervivenvia, no que todas as notas de todos os instrumentos baixarán de forma simultánea, polo que teremos que intercambiar entre todos os instrumentos de forma constante, para que o contador non chegue a cero e un modo Quecemento, sen dúbida o mellor de Rock Band: Unplugged, xa que nos permite facer o mesmo que nos seus predecesores, é dicir, escoller nós o instrumento que queiramos e interpretar a peza que máis nos entusiasme. Unha pena que non se poida facer isto no modo correira.

Con todo isto mencionado, sobra dicir que esperaba bastante máis dun Rock Band, e aínda que en gráficos e visualización é moi similar aos anteriores xogos, non chega,nin de lonxe a súa calidade.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario