Análise de Velvet Assassin

Por: Mércores, 27 de Maio de 2009

Infiltración pura e dura

velvet assassin 360

Antes de nada, teño que mencionar que son moi aficionado a este tipos de videoxogos, nestes no que a infiltración e o sixilo predomina ante a acción. Con isto aclaro que pode que sexa algo máis benévolo cara este xogo por cuestión de gustos, pero tranquilos, que tamén hei de mencionar todos os erros que posúe, que son ben deles.

A historia sumérxenos na etapa nazi e controlaremos a unha espía que se terá que infiltrar nos lugares máis concorridos por estes altos-rubios. Así levaremos a cabo misións como eliminar a un alto cargo das SS, roubar uns documentos de gran importancia,conseguir información…

O primeiro que temos que saber é que para conseguir estes obxectivos deberemos aproveitar as sombras ao máximo, (si, como no Splinter Cell), pero aquí non poderemos disparar ás luces, así que a atención e a memorización das rutas dos nazis teñen que ser moi precisas para camiñar sen que nos descubran. A maioría das veces optaremos por aliminar aos inimigos, e para isto temos varias opcións ( aumentando a variedade do xogo), como á vella usanza, é dicir, indo por detrás a atacar sen que nos vexa, tiro na cabeza , esperar a que se poña enriba dun charco de aceite e dispararlle ao líquido para que arda, desactivarlle unha granada no seu propio peto para que estoupe metros máis adiante ( e con sorte leve consigo a dous ou tres), empregar morfina que nos permite ser inmunes durante certo tempo … como vedes a cantidade de formas de eliminar nazis é bastante elevada, e máis vale que non erredes porque como vos detecten estades mortos.

Pero nos inimigos non todo é bo, xa que a súa intelixencia artificial é nula, con rutas ridículas (como poñerse mirando un bo anaco de cara unha parede), abonda con atravesar unha porta para que non te persigan, non chaman reforzos e toda unha serie de detalles que fai que a calidade do título disminua un chisco grande.

Noutros medios castigan o apartado gráfico de Velvet, e por suposto que non está á altura dos grandes, pero déixase ver moi ben, con texturas demasiado planas ( sobre todo nos humanos) e algunha que outra pequena relantización, pero déixase ver ben. Ademáis é digno de mención a utilización dos efectos de luz, con raios solares que traspasan pequenas fendas, a plasmación da túa propia sombra dependendo de onde veña o foco de luz ( isto pode delatar a túa posición),o brillo das paredes húmidas,etc. Con todo o mencionado, quedámonos cun apartado gráfico decente, que aínda que podía ser mellorábel , non é tan catastrófico como o pintan noutros lugares.

O xogo dura sobre dez horas ( ou iso é o que marca a consola), pero podedes estar seguros que repetiredes misións varias veces ( algunhas veces rozaredes á desesperación), xa que Velvet Assasin non é un xogo sinxelo, ademáis podedes adicarvos a conseguir reliquias que se atopan polos escenarios, as cales empregaredes para aumentar o voso nivel de sixilo, morfina ou resistencia.

Non podo rematar sen mencionar a parte final deste título, concretamente as últimas dúas misións, nas cales dán maior importancia á acción que á infiltración ( cousa que non me gustou demasiado), ademáis nestas, a ambientación é un  tanto escura e as rutas que debemos seguir un pouco caóticas.

Aínda así, estamos ante un xogábel título de infiltración ( por certo, que estamos pasando unha etapa de sequía de xogos de sixilo), no que teremos que ter moita paciencia e memorizar as rutas dos inimigos para atacalos cando menos o esperen, no que nos mimetizaremos coas sombras, no que atravesaremos unha zona chea de inimigos sen que ninguén sepa que estivemos aí… e todo isto é o que nos gusta aos que amamos este xénero.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario