A lenda de “Pad”

Por: Venres, 22 de Maio de 2009

No castro de Galga chovía coma case sempre. Todos permanecían nos seus propios refuxios, todos menos un raparigo. O rapaz camiñaba cun andar lento por mor do vento e da saraiba que castigaban o seu corpiño. Camiñou ata pararse diante dunha das vivendas, e entrou:

-Sabes por qué te fixen chamar? – dixo o meigo

-Non – contestou tremendo o meniño

-Fuches castigado polos deuses, e como tal, deberás abandonar o noso castro o antes posíbel.

O meigo achegouse ao cativo, púxolle a man na fronte e berrou coa mirada posta no rapaz.

-Pad, fillo das árbores e pai das flores, fuxe deste castro, e que a túa morte sirva para que a vida dos demais continue.

Pad, saíu fóra da casa chorando, pero ao mesmo tempo resignado polas palabras do vello. Camiñou coa mirada baixa, e antes de fuxir do lugar, decidíu visitar por derradeira vez a Árbore. Era un enorme carballo situado no centro da castro, simbolizando a vitalidade e a proteción do poboado.

Pad aproximouse ao enorme vexetal, bicou á árbore por motivo de agradecemento e sentouse ao seu carón.

Nese intre un lóstrego impactou no gran carballo. A enormidade da árbore protexera ao neno, mais este feito recordoulle as palabras do meigo. Estaría castigado polos deuses?. O lóstrego fendera varias pólas , pero só unha chamou a atención do rapaz. Era pequena e producía un pequena luz no seu interior. Desa póla surxían outras máis pequenas, algunha delas aínda conservaban a súa folla.

Pad suxeitou a póla nas mans e cando moveu , de forma involuntaria, unha das pequenas folliñas, a saraiba deixou de caer e o vento cesou por completo.

Este feito fixo que todos os castrexos saísen das súas vivendas e mirase ao rapaz con medo e desacougo. Todos vían maldade  no rapaz, mais a realidade era ben diferente.

Pad atopábase paralizado, e ao ver que algún xa se acercaba a el coas mans armadas , tocou outra das poliñas. Todo se paralizou. Todo ficou inmóvil, ata un miñato que sobrevoaba o castro en circunferencias tamén quedou parado.

Poi nese intre cando o raparigo se percatou de que podía facer o que lle parecese correcto, xa non tiña por qué marchar do poboado. Pouco despois , Pad xa sabía a función de cada poliña, incluso había unha que lle permitía subir aos ceos e voar rápido coma un vencello.

Así pasaron os días, e as semanas, pero ao rapaz faltáballe algo, faltáballe a amizade e a compañía do resto. E non o aturou máis, polo que certo día de intenso “Lourenzo”, colleu as súas poucas pertenzas e dispúxose a marchar do castro, non antes sen desfacerse da póla máxica. Premendo unha simple folla acendeu unha fogueira  e deixou caer nas chamas a pequena rama.

Da fogueira saíu gran cantidade de fume azul, un azul idéntico o que emitía a póla, e o fume estendeuse por todo o ceo.

 

2009-Galiza.

O rapaz ía ver a realidade por primeira vez e os berros da nai facíano máis forte para saír. Os médicos comezaron a sacarlle a cabeza e cando estivo completamente fóra continuaron co resto do corpo, que pouco a pouco ía saíndo do ventre da nai.

Pero cando estivo completamente fóra, algo chamou a atención dos médicos. A man do recén nacido suxeitaba algo. A man do recén nacido suxeitaba unha pequena poliña.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario