Prince of Persia

Por: Venres, 24 de Abril de 2009

Non vou negar que preferiría ver ao príncipe de persia, cun estilo gráfico realista e máis semellante ás enteriores entregas desta saga de aventuras, pero a enorme emotividade que emite este xogo compensa ás falsas ideas que tiña eu sobre un Prince of Persia de nova xeración.

O xogo, utiliza a técnica Cell-shading como motor gráfico, movéndonos na pantalla uns gráficos dos máis bonitos vistos nunha consola e sumerxíndote nun mundo de fantasía, o cal teremos que percorrer dun extremo a outro purificando todos os terreos. Para purificar cada terreo teremos que ir recolectando orbes de luz, as cales será empregadas por Elika ( a princesa que nos acompaña en toda a aventura), para volver fértiles todos os terreos que foron corrompidos polo inimigo de turno.

Así cada vez que purifiquemos un terreo ,este volverase cheo de cor, polo que a medida que avancemos no xogo, as paisaxes serán cada vez máis fermosas e gratas á vista.

Por suposto, seguiremos tendo ás habilidades propias de todos os Prince of Persia, como correr por paredes, saltos imposíbeis, acrobacias a alturas temerosas, etc. Claro que desta volta, non poderemos parar, nin modificar o tempo, aínda que para solventar esta ausencia, o protagonista poderá adquirir ata catro habilidades que se desbloquearán a medida que avancemos na trama, como voar, saltos de plataforma en plataforma ou correr indefinidamente por paredes.

Outros dos cambios significantes respecto ás anteriores entregas, é o sistema de loita. Neste xogo non terás que loitar contra varios inimigos á vez, senón que as pelexas serán de un contra un ( ou mellor dito de dous contra un, porque a nosa acompañante axúdanos nas nosas batallas), polo que estas pelexas son bastantes sinxelas, limitándose simplemente a rechazar ataques e contraatacar, ben sexa coa espada, con maxia ou co noso guante.

De todas as maneiras a verdadeira virtude deste videoxogo non son nin os seus gráficos, nin as súas acrobacias, nin os seus combates, o que veradeiramente chama á atención deste Prince of Persia é o seu desenrolo e historia tan entrañábel, na que nos vemos sumerxidos. Con momentos na que o príncipe leva nas súas mans a esgotada princesa, momentos épicos na que a cor vai reinando fronte a escuridade… e todo isto rematado cunha moi decente banda sonora.

Como puntos negros, temos a enorme facilidade coa que nos atopamos, xa que nunca caeremos ( nin morreremos) xa que a princesa salvaranos de calquera caída infortuita coa que nos atopemos. Ademáis os puzles cos que nos atopamos son demasiado sinxelos, limitándose simplemente a mover manivelas dunha forma determinada.

Así e todo, a emotividade que emite esta nova entrega do Prince of Persia, fai que sexa aconsellábel para calquera xogador, pero se ademáis lle sumamos que ten un dos mellores finais vistos nunha consola, creo que son alicientes suficientes como para axudarlle ao protagonista, a volver a luz nun mundo de escuridade.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario